Skip to main content

Innovación e Industria destina máis de 274.000 euros ao impulso e dinamización do sector da pedra galega

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou un convenio de colaboración con 8 asociacións representativas da minaría galega para a posta en marcha de actuacións que fomentan a dinamización e modernización do sector. A achega global do departamento autonómico ascende a 274.500 euros, con axudas que oscilan entre os 19.200 e os 68.000 euros por acción, en función das distintas actuacións que van desenvolver as 8 asociacións asinantes (Asociación Galega da Propiedade Balnearia; a Asociación Galega de Fabricantes de Maquinaria para Pedra; a Asociación de Graniteiros; a Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense; a Asociación para o Fomento da Investigación Cerámica en Galicia; a Asociación Galega de Áridos e a Asociación de Canteiras de Galicia).

O convenio procura o desenvolvemento do sector impulsando diversas actividades que fomentan a cultura mineira, dinamizan a modernización do sector e implican a realización de accións formativas en materia de seguridade e saúde laboral. Deste xeito, as asociacións desenvolverán distintas actuacións que se concretan na celebración de xornadas e seminarios, programas formativos para directivos e traballadores con especial incidencia na temática de seguridade e saúde no traballo, estudos técnicos e publicacións, elaboración de unidades didácticas, creación de sitios webs, así como misións comerciais e presenza en feiras internacionais, obradoiros e edicións de manuais de referencia para o sector.

Fernando Blanco enmarcou a sinatura deste convenio no conxunto de actuacións dirixidas polo seu departamento ao sector mineiro galego e, neste sentido, lembrou a aprobación en maio da Lei da Minaría de Galiza, a primeira que regula o sector a nivel galego, ou o apoio da Consellaría á promoción exterior do sector, como foi o caso da presenza das asociacións galegas na Feira Internacional da Pedra Natural de Madrid, unha actuación desenvolvida no marco do Plan de Reactivación do Sector da Pedra Natural e que sinala a Francia e Gran Bretaña como principais mercados. O conselleiro nacionalista tamén salientou a posta en marcha do Plan Estratéxico de Prevención e Control dos Riscos Laborais na Minaría, un conxunto de medidas que vai supoñer un investimento de 2,7 millóns de euros ao longo do presente ano. En total, Innovación e Industria está a por en marcha actuacións para impulsar o sector da pedra en distintos ámbitos que suman máis de 5,1 millóns de euros durante o presente exercicio.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia