Skip to main content

Fernando Salgado destaca que nun mercado global a comunicación é un elemento de competitividade máis potente que o prezo ou a calidade

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, destaca que “nun mercado global onde se impón a maxia das marcas e a progresiva diferenciación de produtos, a comunicación eríxese como un elemento de competitividade incluso máis potente que o prezo ou a calidade”. Xa ninguén dubida, expuxo, “que a comunicación constitúe un factor clave de competitividade empresariaL”. Así o destacou en Santiago Fernando Salgado no acto de clausura da xornada Comunicación, clave para la mejora de los resultados empresariales, promovida pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), a Asociación de Directivos de Comunicación (DIRCOM) e a Secretaría Xeral de Comunicación.

Na súa intervención, explicou que as empresas que non comunican, ou comunican mal, quedan indefensas fronte á competencia. “As súas lagoas cóbrense co bulo, o rumor ou interesadas informacións de terceiros”, dixo. Tal e como indicou Fernando Salgado, os damnificados desa mala política non son simplemente as organizacións e os seus produtos senón o consumidor que “acode ao mercado desinformado, cos ollos tapados e sen posibilidade de contrastar a súa opción”. “É o problema da información asimétrica que distorsiona o funcionamento dos mercados e que, xa no seu día, foi estudada en profundidade polo Premio Nobel Joseph Stiglitz”, abundou.

Comunicar en tempos de crise

O secretario xeral de Comunicación destacou a oportunidade da xornada, posto que se desenvolve en tempo de crise. “Comunicar en tempo de crise, remarcou, esixe extremar a responsabilidade en todos os actores do proceso: o emisor, o receptor e o transmisor”.

No discurso de clausura, Fernando Salgado sinalou que na orixe das dificultades económicas que atravesamos se atopa o desplome do sistema financeiro estadounidense. “Pero cando falamos de finanzas, concretou, estamos a falar de confianza. E esa, a esfera da confianza, é o ámbito onde reina a comunicación”.

A comunicación en xeral e a comunicación empresarial en particular configuran, en palabras do secretario xeral de Comunicación, “as expectativas de empresas e consumidores. Se as expectativas son positivas, xérase un marco de confianza, un activo económico de primeiro orde. Se son negativas, imponse a desconfianza e a crise retroaliméntase”, expuxo.

Minimizar o impacto sobre familias e empresas

A pesar da crise, Fernando Salgado, expresou non querer deixar unha imaxe pesimista. En lingua chinesa, destacou, a palabra crise escríbese unindo os símbolos de risco e oportunidade. “A crise castiga as rendas e o emprego. Por iso, é obriga dos gobernos minimizar o seu impacto sobre as familias e as empresas e repartir os custos equitativamente protexendo en especial os colectivos máis débiles e vulnerables”, sentenciou.

Pero a crise, expuxo, “tamén é unha oportunidade, no que supón de reaxuste e corrección de pasados excesos”. “Tamén en termos comunicativos debe ser unha oportunidade para o avance. Así, nos momentos de crise é cando as empresas e as propias institucións teñen a oportunidade de aportar un valor diferencial e saír reforzadas da mesma. Unha boa comunicación empresarial pode contribuír a fortalecer as empresas e, polo tanto, a propia imaxe de Galicia”, subliñou.

Por último, proclamou a importancia da comunicación, “un elemento estratéxico da competitividade. Un compoñente dese conxunto de activos intanxibles que constitúen o stock das empresas punteiras que compiten no esixente mercado global”.

Xornada de APD

Na súa intervención, Fernando Salgado felicitou á Asociación para el Progreso de la Dirección pola súa iniciativa. “Este foro demostra o carácter estratéxico que APD lle concede á comunicación en xeral e á comunicación empresarial en particular”, destacou. Valorou ademais a presenza na xornada dalgunhas das empresas galegas máis activas no eido da comunicación, a través dos seus máximos directivos e directores de comunicación, “proba da relevancia que lle confiren ao fenómeno da comunicación, como clave para a mellora dos resultados empresariais”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia