Skip to main content

Carlos Pérez recibe a bicicleta e o maillot do Xacobeo para facer o Camiño de Santiago

O padexeiro galego e campión olímpico Carlos Pérez, Perucho, recibiu as bicicletas coas que el e o seu compañeiro Saúl Craviotto realizarán o Camiño de Santiago, para cumprir a súa promesa de facelo no caso de acadar unha medalla nos Xogos Olímpicos de Beijing. Tivo lugar o acto de entrega das bicicletas e dos maillots cos cales realizarán o Camiño de Santiago entre os días 12 e 16 de outubro, aínda que ao mesmo non puido asistir Saúl Craviotto por culpa de problemas co voo que o tiña que trasladar ata Santiago de Compostela. No acto tamén estivo o ciclista do Xacobeo Galicia, David García, xa que é o equipo ciclista o que cederá as bicicletas aos campións olímpicos para realizar o percorrido. E máis, varios ciclistas do Xacobeo Galicia acompañarán a Perucho e Craviotto en algunha das etapas do camiño. Ao respecto, David García asegurou que “é un orgullo poder estar acompañando ao campión olímpico e o que lle recomendo é que gocen todo o posíbel. Espero que lle dea a mesma sorte que a min o ano pasado, xa que o fixen dende Ponferrada e se cumpriron dous dos desexos que pedín, gañar unha etapa da Volta a España e gañar unha volta por etapas”.

Pola súa parte, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, destacou que “para a Dirección Xeral para o Deporte e para o Xacobeo é un orgullo estar acompañando hoxe ao campión olímpico, ao seu adestrador Miguel García, e a David García neste acto”. Ademais sobre a promesa que fixeron os padexeiros, Souto indicou que “é unha forma de difundir o Deporte Galego e o Camiño de Santiago, porque son uns embaixadores de luxo”. A directora xeral comprometeuse a esperalos nesa última etapa e acompañalos un treito en bicicleta.

Perucho, que agradeceu a colaboración da Dirección Xeral para o Deporte e do Xacobeo, explicou que despois duns días de estar nunha nube, xa comeza a estar un pouco máis centrado, “aínda que non paras dun lado para outro, pero iso é bo porque axudar a dar a coñecer un pouco máis o piragüismo e tamén a Galicia. Esperemos que serva para cada vez máis nenos e nenas fagan deporte”.
Gabinete de Comunicación da Dirección Xeral para o Deporte de la Xunta de Galicia