Skip to main content

Salgado subliña que on Cuerda e Semprecinema o audiovisual galego da un salto adiante

O secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, subliñou que con José Luis Cuerda e SempreCinema “o audiovisual galego dá un salto adiante, colócase á vangarda do cine español e reforza a súa proxección internacional”. Así o destacou en Lugo onde participou xunto co director de Los girasoles ciegos e o presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, no acto de apertura do curso 2008/2009 da Escola de Imaxe e Son de Lugo.

Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación valorou o traballo levado a cabo polo cineasta José Luis Cuerda quen vén de ser nominado co seu filme Los girasoles ciegos para representar a España nos Oscar de Hollywood. “Se Alejandro Amenabar conseguiu que unha historia, un territorio e unha cultura como a galega viaxasen por todo o mundo con Mar adentro, é agora José Luis Cuerda o que nos pon de novo ás portas dos Oscar e a Galicia como protagonista”, indicou.

Consolidación de Semprecinema

O responsable de comunicación do Goberno galego explicou que se trata dun filme, rodado en varias localizacións de Ourense, no que participa o Goberno galego e Caixa Galicia a través da sociedade SempreCinema. Un proxecto que, tal e como destacou, “se consolida como unha iniciativa público-privada para o financiamento do cine, recoñecida internacionalmente de entre as máis importantes que existen en Europa nestes momentos”.

Fernando Salgado expuxo as liñas de traballo impulsadas desde a Secretaría Xeral de Comunicación a prol do sector audiovisual a través de iniciativas concretas como SempreCinema, que nos próximos meses volverá estar presente no apoio á produción cinematográfica galega coa estrea de Los muertos van de prisa de Ángel de la Cruz, filme rodado no municipio lugués de Ribadeo.

Los girasoles ciegos

Na súa intervención, Fernando Salgado destacou que Los girasoles ciegos é a primeira das tres películas realizadas en Galicia por Cuerda que conta cunha clara e importante participación económica galega a través de Semprecinema. A día de hoxe, o filme supera os 3.200.000 euros recadados, converténdose na cuarta produción española de maior recadación deste ano. Ademais, suma xa 550.000 espectadores e está presente en máis de 170 salas de toda España.

Así mesmo, salientou que o filme de Cuerda será unha das cinco películas -xunto con Mar adentro, Los lunes al sol, La lengua de las mariposas e Pérez, el ratoncito de tus sueños- de maior recadación e espectadores de todas as rodades na comunidade e, de entre elas, a que ten unha maior participación de produtoras e financiamento galego, a través de SempreCinema, Producciones A Modiño e Labarouta.

Conferencia inaugural

O director, produtor e guionista, José Luis Cuerda pronunciou a conferencia inaugural do acto ao tempo que transmitiu aos alumnos que están a completar ou comezar a súa formación, a visión sobre a situación actual da industria cinematográfica. Cuerda fixo especial fincapé na experiencia da rodaxe de Los girasoles ciegos en Ourense, así como no papel que xoga a sociedade SempreCinema, promovida polo Consorcio Audiovisual de Galicia, na promoción e activación do sector audiovisual galego.

SempreCinema

Para Fernando Salgado, a elección do filme de Cuerda como finalista española aos Oscar, xunto con outros motivos, xustifica a participación en Los Girasoles Ciegos de Semprecinema Producións. Esta sociedade, cun capital inicial de 3 millóns de euros, naceu do interese da Xunta e de Caixa Galicia por crear “unha ferramenta público-privada de apoio á produción de cine en ou desde Galicia”.

SempreCinema Producións é unha sociedade promovida por Caixa Galicia, Xesgalicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia que ten como obxecto contribuír á consolidación e impulso da realización de longametraxes participadas por produtoras galegas, que presenten unha manifesta vocación comercial orientada ao mercado do resto do estado e mesmo internacional. A sociedade convértese así nun dos máis importantes investidores no audiovisual dos que existen no estado.

A sociedade xorde da vontade das entidades promotoras de colaborar conxuntamente para dotar ao sector audiovisual en Galicia do soporte financeiro necesario e favorecer o seu crecemento sostible, procurando o posicionamento do sector cinematográfico en Galicia nunha situación competitiva tanto nos mercados nacionais como internacionais. En definitiva, perséguese reforzar os alicerces da industria audiovisual galega contribuíndo ao desenvolvemento das empresas a través do crecemento dos seus proxectos.

Inicio do curso

O presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia enorgulleceuse de contribuír coa Fundación TIC e a Deputación de Lugo no acto de apertura do curso, “o que pon en valor a presenza activa de Deputación provincial no Consello de Dirección do organismo”.

A Escola de Imaxe e Son, promovida pola Deputación de Lugo e xestionada pola Fundación TIC, imparte ensinanzas de formación profesional da familia profesional de Comunicación, imaxe e son ofertando estudos do Ciclo Superior de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos e do Ciclo Superior de Realización de audiovisuais e espectáculos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia