Skip to main content

Gallego e Iyambo reúnense para falar da cooperación entre Galicia e Namibia

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo unha xuntanza, en Santiago de Compostela, co Ministro de Pesca de Namibia, Ibrahim Iyambo, no que abordaron os proxectos de colaboración que veñen desenvolvendo as dúas administracións, así como actuacións conxuntas a executar no futuro.

Así, Gallego e Iyambo falaron da posta en marcha dunha fábrica de penso destinada a garantir a soberanía alimentaria da produción acuícola do Centro de Acuicultura Continental (IAC – Island Aquaculture Center), así como a abastecer aos acuicultores a pequena escala da rexión de Owambo. Cabe sinalar que, coincidindo coa visita de Iyambo, partiron hoxe dende Valencia varios contedores para a devandita fábrica. Ademais, está previsto que para finais deste ano se empece a producir o penso nestas instalacións coas que se dá cumprimento ao compromiso adquirido pola Conselleira na súa primeira viaxe oficial a Namibia a finais de 2006.

Os dous mandatarios, que estiveron acompañados na reunión por membros do seu equipo, entre eles o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Ángel López Sieiro, tamén destacaron os avances acadados no eido do extensionismo en Osakati e abordaron a realización, en novembro, dun taller de traballo dos alumnos do Instituto Náutico-Pesqueiro de Walbis Bay (Namfi) coas empresas galegas afincadas no país africano.

Por outra banda, o Ministro trasladoulle á Conselleira o interese do seu departamento por levar a cabo unha campaña de promoción dos produtos do mar e por contar con colaboración galega no desenvolvemento desta iniciativa. Carmen Gallego manifestoulle a Ibrahim Iyambo a disposición a cooperar co Goberno namibio, se ben será preciso que este remita previamente á Consellería un programa de traballo no que se analicen as necesidades existentes.

Así mesmo, os dous mandatarios tamén falaron da problemática existente en torno ao recoñecemento das tarxetas náutico-pesqueiras por parte das autoridades namibias e para cuxa solución se veñen desenvolvendo xestións e contactos tanto dende o Executivo galego como dende o español. Nesta dirección, Carmen Gallego trasladoulle ao Ministro a importancia de que os nosos titulados poidan traballar co actual documento e o correspondente certificado de validación expedido polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, mentres o Goberno central non aprobe a normativa que modifica o Real Decreto 930/1988, de 14 de mayo, sobre condiciones generales de idoneidad y titulación de determinados profesionales de la Marina Mercante y del sector pesquero. Cabe sinalar que sobre esta cuestión celebrouse, o pasado mes en Namibia, unha xuntanza co director de Asuntos Marítimos do Ministerio de Transporte do país africano na que tamén estivo presente un representante da Consellería de Pesca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia