Skip to main content

Colocada a primeira pedra da nova dársena no Porto de Cabo de Cruz, en Boiro

O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presidiron o acto de colocación da primeira pedra da nova dársena do porto de Cabo de Cruz, na que Portos de Galicia inviste 10 millóns de euros. Os traballos teñen un prazo de execución de 24 meses.

Con esta actuación, Portos de Galicia habilita un novo espazo no porto de Cabo de Cruz co que se poderá cubrir a demanda existente na zona, que conta cunha importante flota de embarcacións deportivas que non tiñan ata o de agora zonas de abrigo axeitadas. Ao mesmo tempo, a nova dársena permitirá ampliar o abrigo da actual dársena pesqueira e da flota de mexilloeiros pasando dos aproximadamente 35.000 metros cadrados actuais de espazo protexido a uns 210.000, o que supón multiplicar por seis a superficie abrigada.

A actuación que acometerá Portos de Galicia supón a construción dun dique e un contradique. O primeiro construirase como unha prolongación de 405 metros a partir da primeira aliñación do actual dique sur do porto. Sobre este realizaranse obras complementarias para demoler o espaldón e retirar as pedras da actual escollera ao deixar estes elementos de cumprir a súa función. O novo dique proporcionará unha maior seguridade aos amarres ante as ondas procedentes do sur.

Pola súa banda, o contradique -todo el de nova construción- situarase ao norte e terá unha lonxitude de 605 metros. Este contradique permitirá crear unha zona máis ampla de protección para os ventos do norte e do nordeste.

Esta actuación é, polo seu volume de investimento, a segunda máis importante que está a acometer Portos de Galicia, despois da ampliación do porto de Brens, en Cee.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia