Skip to main content

Caixanova e Caixa Galicia facilitan o financiamento ás empresas

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou que as caixas de aforro galegas respaldarán as medidas aprobadas recentemente pola Xunta de Galicia dirixidas a facilitar o financiamento ás empresas galegas a través das novas liñas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Nos próximos días, segundo avanzou o conselleiro, asinarase o convenio coas entidades financeiras para poñer en marcha estas liñas, que se enmarcan no conxunto de medidas dirixidas ao mantemento do financiamento esencial para manter a actividade produtiva das empresas e o emprego. O conselleiro reuniuse hoxe co presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; e co director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, cos que analizou as novas medidas e o acordo para a orientación da metade dos recursos da obra social a investimento produtivo.

As liñas aprobadas polo Igape, explicou o conselleiro, están dirixidas ás pequenas e medianas empresas galegas a través de programas de capital circulante, de refinanciamento de pasivos e de ampliación de capital. Ademais, engadiu Fernández Antonio, os orzamentos de Galicia para o 2009 recollerán a ampliación dos avais da Xunta ata os 500 millóns de euros. “Estamos falando dunhas medidas que terán importante efecto na actividade económica e no emprego, e que teñen como finalidade facilitar o mantemento e desenvolvemento da actividade económica e produtiva das empresas e o mantemento na creación de emprego”, afirmou o conselleiro.

Medidas contra a crise financeira

A crise económica actual ten unha orixe financeira clara e, a partir de aí, “o núcleo das medidas que estamos tomando atacan ese problema cun apoio financeiro á actividade económica a través destas liñas dirixidas ás pemes”, explicou Fernández Antonio. Nese sentido, destacou o papel da Xunta “como estimulador e como catalizador de medidas que faciliten o financiamento”, e agradeceu tamén o esforzo das caixas na orientación de recursos cara a actividade produtiva. O pasado mes de xullo o conselleiro asinou coas caixas galegas un convenio en materia de obra social polo que as entidades destinan a metade da dotación en 2008 a accións que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia, a través de iniciativas en educación, I+D, innovación, fomento do emprego, e asistencia social.

Por último, o conselleiro subliñou que no contexto de crise financeira internacional as entidades financeiras españolas, e en especial as entidades financeiras galegas teñen unha situación de solvencia e liquidez que é resultado de tres factores: en primeiro lugar, unha normativa española que é un exemplo para o conxunto do mundo; en segundo lugar, unha supervisión do conxunto das entidades financeiras; e en terceiro lugar, unha xestión de riscos que garante a solvencia do sistema financeiro español.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia