Skip to main content

Turgalicia presenta a oferta turística galega en Santa Cruz de Tenerife e As Palmas

A Consellaría de Innovación e Industria, por medio de Turgalicia, presenta en Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria a oferta turística galega na campaña de presentacións e comercialización da oferta turística galega para o ano 2009, que se estenderá ata finais do mes de novembro por oito cidades españolas e terá como eixe a comercialización do produto turístico galegos a través das propias empresas turísticas e a promoción dos recursos turísticos galegos. Esta campaña iniciouse o pasado mes de setembro nas cidades de Badaxoz e Sevilla.

O director-xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, encabeza unha misión comercial na que participará unha trintena de empresarios galegos en cada presentación, e que se reunirán con representantes de empresas turísticas dos contornos das cidades visitadas: Badaxoz, Sevilla, Santa Cruz de Tenerife, As Palmas de Gran Canaria, Xixón, Bilbao, Alacante e Valencia para comercializar os seus produtos. Logo, ten lugar unha cea-espectáculo na que se presenta o destino Galiza de xeito xeral.

A presentación do Turismo galego céntrase na promoción de Galiza como un destino diferenciado, con produtos propios e dos que o visitante poderá gozar de distintos xeitos. Promociónanse de xeito especial os centros históricos das cidades de Galiza e A Ribeira Sacra. Ademais, danse a coñecer os recursos relacionados coa cultura e a natureza, e incídese nos produtos emerxentes: golf e náutica.

Estas presentacións lévanse a cabo co obxecto de promover os encontros profesionais, onde entra en contacto o sector turístico galego coas canles de comercialización das axencias de viaxes e transportes, maioristas, así como con autoridades turísticas locais e medios de comunicación. Os encontros contan con grande aceptación entre os representantes turísticos das cidades visitadas e constitúen un dos medios máis directos para informar da oferta turística galega ós axentes de comercialización. Por outra parte, en cada presentación ten lugar tamén unha degustación da gastronomía galega que conta coa representación das asociacións de restauradores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia