Skip to main content

A Xunta crea unha oficina unificada do rexistro xeral

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, inaugurou a nova oficina unificada do rexistro xeral da Xunta, situada no complexo administrativo de San Caetano. Este servizo vai reunir as actividades de rexistro e información xeral, ademais doutras loxísticas de distribución da correspondencia e de coordinación coas demais oficinas de rexistro tanto propias como concertadas con outras administracións públicas.

O conselleiro explicou que a oficina –na que se tramitarán diariamente arredor de 10.000 asuntos- conta con vinte postos de traballo clasificados en postos rápidos ou lentos, segundo se precise ou non unha atención personalizada que garanta unha maior confidencialidade ou que implique un nivel de información máis especializado. Ademais, ten postos de atención para persoas con discapacidade, segundo dixo, e a súa organización permitirá suprimir dentro da organización interna da Xunta un número importante de postos de traballo.

Así mesmo, informou de que este tipo de organización está a ser trasladado aos aos grandes edificios administrativos que a Administración autonómica ten no territorio: “Xunto con outras reformas que temos feito nos últimos meses en San Caetano vai trasladando tamén unha idea do que debe ser unha oficina moderna da Xunta de Galicia: con espazos abertos e diáfanos, zonas diferenciadas para o traballo cos cidadáns e cos propios funcionarios e uso de todas as ferramentas modernas da administración”.

Reforma da oficina

O conselleiro afirmou que o deseño arquitectónico da nova oficina reflicte, a través da súa estética, valores que a Xunta quere trasladar de transparencia, de proximidade e de accesibilidade, que fan posible que aquí se poida ter por primeira vez na Xunta un rexistro unificado. “A partir de hoxe, todos os cidadáns que teñan que facer unha xestión na Xunta non terán que deambular no complexo de San Caetano senón que quedarán aquí para facer case todas as súas xestións, o que doutra banda redunda en materia de control de seguridade”, explicou.

Segundo o conselleiro, esta reforma supón unha forte aposta pola mellora dos servizos públicos, xa que a través dela preténdese pasar dunha atención cidadá centrada en cada consellería a outra integral, coa intención de que a oficina de rexistro único se converta na verdadeira porta de entrada dos cidadáns á Administración, cun carácter xeneralista e coa vontade de ofrecer servizos conxuntos dun xeito transversal.

Os obxectivos a partir desta unificación son acadar unha Administración máis moderna, eficaz, áxil e competente, que dea resposta ás demandas dos cidadáns e que traballe na súa mellora continua para ofrecer unha maior calidade nos seus servizos.

No que se refire á actividade levada a cabo por este servizo, o pasado ano 2007 máis dun millón de persoas foron atendidas desde información e rexistro; 2.500.000 cartas e 500.000 sobres de valixa pasaron nas mesmas datas por este edificio; uns 400.000 envíos foron realizados a través do Portelo Único; e existen máis de 200 rexistros propios, máis de 300 entidades locais vinculadas e preto de 150 oficinas de información. Así mesmo, hai máis de mil funcionarios traballando para que cada dato se ofreza correctamente e cada documento chegue ao seu destino nas mellores condicións.

Ferramentas telemáticas

Méndez Romeu indicou que o obxectivo é evitar os desprazamentos innecesarios dos cidadáns ás oficinas, algo que se persegue a través da utilización de ferramentas telemáticas. Destacou que o Goberno galego está inmerso nun proceso de modernización da Administración, algo que se está a facer a medio do pulo da administración electrónica -con investimentos importantes nos que se inclúen 10 millóns de euros en infraestruturas tecnolóxicas para o período 2007-2009-; o impulso aos mecanismos de calidade por parte da propia Administración –como se reflicte no decreto publicado onte do DOG polo que se establecen as normas de boas prácticas na utilización dos sistemas de información da Administración da Comunidade Autónoma ou o decreto de simplificación que será aprobado proximamente polo Consello da Xunta-; e o impulso á reenxeñería de procedementos para que máis deles se poidan facer totalmente por vía electrónica.

Neste sentido, lembrou que na Oferta Pública de Emprego deste ano os opositores puideron presentar por primeira vez a súa solicitude e pagar as súas taxas integramente mediante procedemento telemático, o que permitiu reducir colas innecesarias e erros na tramitación e gañar en celeridade e eficiencia.

“Ese é o camiño no que está actuando a Consellería de Presidencia, que na medida en que desempeña servizos transversais redunda na mellora dos procedementos de toda a Xunta de Galicia –declarou-. Cremos que no momento actual nos está colocando no marco das administracións públicas españolas nunha posición preponderante.”

O titular de Presidencia fixo referencia ao alto grao de aceptación e fiabilidade que para os cidadáns ten o servizo telefónico de información 012 e adiantou o obxectivo é continuar no desenvolvemento destas liñas nos próximos meses e, progresivamente, ir implantando máis servizos que funcionen completamente con fórmulas telemáticas para reducir os tempos de tramitación e ofrecer máis garantías aos cidadáns.

Nese sentido, avanzou que a Xunta está a desenvolver en cooperación coa Federación Galega de Municipios e Provincias e con outras organizacións experiencias similares para o mundo local, e sinalou que hai en marcha conversas para avanzar co mundo local e cos colexios de arquitectos un procedemento que facilite a tramitación electrónica das licenzas de obras no mundo local.

Así mesmo, no acto de inauguración o director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan Gómez Romero, presentou os plans de modernización da Administración autonómica (ver documento powerpoint adxunto).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia