Skip to main content

Galicia estreará a colaboración pesqueira con Timor en 2009

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo esta mañá, no seu despacho de San Caetano, unha xuntanza co Ministro de Pesca de Timor, Mariano Sabino Lopes, con quen abordou a posta en marcha de iniciativas de cooperación pesqueira entre Galicia e o país asiático, que está previsto que comecen no primeiro trimestre de 2009. No encontro, ademais de participar membros dos equipos dos dous mandatarios, tamén estiveron presentes un representante da Agencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e da Universidade da Coruña.

Deste xeito, nos primeiros tres meses do vindeiro exercicio técnicos da
Administración pesqueira galega desprazaranse ata Timor onde avaliarán in situ as necesidades do país. As tarefas a desenvolver por este persoal
centraranse na identificación das posibilidades de cooperación entre as
dúas rexións, nas que se incluirá a formación.

Timor é o último dos estados lusófonos pendente de incorporarse ás accións directas de colaboración da Consellería de Pesca con países terceiros e para o que xa existía un compromiso previo por parte da Consellería de Pesca de levar a cabo cooperación nesta rexión. De feito, a propia Conselleira adiantou nunha comparecencia parlamentaria sobre a cooperación pesqueira do seu departamento que Timor era candidato a incorporarse a estas iniciativas, co que se dá cumprimento ao anuncio feito o ano pasado por Carmen Gallego.

Estas actuacións que desenvolve Pesca no exterior están encamiñadas a
consolidar a presenza do sector en terceiros países, ao tempo que se
reforza unha colaboración institucional que redunde no desenvolvemento de proxectos conxuntos de interese común e na sustentabilidade das economías costeiras.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia