Skip to main content

O Xacobeo inaugura unha exposición do Camiño nos Países Baixos

A exposición En Camiño, promovida pola Consellaría de Innovación e Industria a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, inaugurouse na Haia dentro do programa de actos da visita oficial da delegación galega da Consellaría de Innovación e Industria e mais do Consello de Cámaras de Comercio a esta cidade. A mostra sobre a Ruta Xacobea que percorrerá diversas cidades europeas –ven de Zúrich– conta coa colaboración da Asociación de Cámaras de Comercio do Camiño de Santiago. Despois dun exitoso percorrido pola xeografía peninsular -puido verse en Porto, Lisboa, Barcelona, Palma de Mallorca e Castellón- o proxecto promocional ‘En Camiño’ inicia a súa andaina en cidades europeas. Está previsto que despois de A Haia a exposición visite Frankfurt e Berlín. Ao mesmo tempo, tamén continúa o seu percorrido por cidades españolas como Zaragoza e Xixón.

Esta duplicidade de espazos é posible grazas á preparación dunha edición especial para Suíza e Alemaña, artellada arredor do traballo dunha serie de prestixiosos fotógrafos galegos inspirados polo Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea. Tono Arias e a súa visión da peregrinación polo Camiño Francés; Xoán Rodríguez e a súa perspectiva do Camiño Inglés; Xurxo Lobato recolle imaxes do Camiño de Fisterra e Muxía e mais Vari Caramés e Tino Martínez fotografando diferentes ópticas artísticas da cidade de Santiago de Compostela conforman este proxecto expositivo de calidade, con vocación de ser canle expresiva e moderna na comunicación e a promoción da peregrinación a Compostela.

Programa de actos

A inauguración da mostra sobre a ruta xacobea inclúese dentro dun programa de actos que desenvolverá estes días unha delegación conformada polo director xeral de Turismo, Rubén Lois; o delegado provincial da consellaría de Innovación e Industria, Luís Barcia; a subdirectora de Promoción Industrial e Comercio Exterior, Manuela Fraguela; o presidente do Consello de Cámaras de Galicia, Francisco Cruz; o director xeral do Consello de Cámaras, Juan Feijoo; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, José Paz; o subdirector do CSHG, Luís Rial e mais o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial, Xosé Luís Villasante.

Xa onte, algúns dos integrantes da delegación reuníronse coa Autoridade Portuaria de Rotterdam para fortalecer as relacións comerciais cos portos galegos. Posteriormente, a delegación visitou a cidade histórica de Delft e reuniuse con representantes da Universidade Técnica e do sector hortícola neerlandés para abordar novos proxectos tecnolóxicos aplicables aos invernadoiros e colaborar entre os centros de I+D+i de Delft e Galicia.

Durante o día de hoxe a delegación oficial será recibida polos representantes da Cámara de Comercio da Haia. Na Hotelschool da Haia manterán tamén unha reunión con Susanne Reimering, do departamento de marketing e comunicación deste organismo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia