Skip to main content

Fernández Antonio expón aos empresarios galegos en Cataluña as medidas da Xunta para financiación de proxectos

O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, analizou cos empresarios galegos en Cataluña as medidas que está a tomar a Xunta para dinamizar a actividade económica e facilitar o financiamento ás empresas. Fernández Antonio subliñou o carácter pioneiro das iniciativas do Goberno galego e comprometeu o apoio da Xunta aos empresarios para que manteñan a actividade dos seus proxectos en Galicia e aproveiten as oportunidades que poidan xurdir para abordar novos investimentos. O conselleiro reuniuse con membros da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (Aegacat) encabezados polo seu presidente, Julio Fernández Rodríguez.

O conselleiro avanzou que asinará con máis de vinte entidades financeiras, os convenios para as novas liñas de financiamento do Igape orientadas á operacións para facilitar liquidez inmediata ás empresas; así como as dirixidas a fortalecer as estruturas financeiras con refinanciamento de pasivos e ao apoio á capitalización das empresas. As axudas, segundo explicou o conselleiro, están dirixidas a facilitar o financiamento ás empresas galegas para que “ningún proxecto viable quede sen financiamento”. O obxectivo, segundo engadiu é manter a actividade e o emprego nun momento de crise económica internacional ao que non é inmune Galicia.

As medidas combinan préstamos do Igape, achegas de capital polos fondos de capital risco e apoio ao financiamento das empresas cos avais a través das sociedades de garantía recíproca. Neste sentido, Fernández Antonio destacou a ampliación nos Orzamentos do 2009 das liñas de avais para o apoio ao financiamento das pequenas e medianas empresas, que “ampliamos ata 500 millóns de euros para o 2009”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia