Skip to main content

Entidades financeiras abren novas liñas de financiamento para PEMES galegas

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou a boa resposta das entidades financeiras ante as novas medidas de financiamento empresarial impulsadas pola Xunta, e o compromiso destas co mantemento da actividade económica e do emprego. Así o explicou tras a sinatura, con representantes de vinte entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca, dos convenios que permitirán a inmediata posta en marcha das novas liñas dirixidas as pequenas e medianas empresas galegas. Segundo avanzou o conselleiro, as tres novas liñas permitirán mobilizar ata 500 millóns de euros en préstamos preferenciais.

O conselleiro subliñou a resposta de Caixa Galicia, Caixanova e o Banco Pastor, así como do resto de entidades financeiras que desenvolven a súa actividade en Galicia, e o seu compromiso para levar adiante as medidas impulsadas pola Xunta como resposta ao contexto de restricións de crédito que poden afectar a empresas viables que noutro momento non terían problemas de financiamento. Segundo explicou Fernández Antonio, “as entidades financeiras teñen hoxe, unha razón de ser, que é o financiamento das empresas e das familias”. Neste sentido, engadiu, “o seu compromiso a través deste convenio é unha forma de asegurar, de facilitar o mantemento da actividade económica e do emprego, e que o tecido produtivo de Galicia saia desta situación de crise cunha recuperación económica que nos permita gañar posicións competitivas no mercado internacional”.

Fernández Antonio destacou que as novas liñas enmárcanse na actitude proactiva do Goberno galego que xa tomou medidas en xaneiro para o impulso da obra pública e para facilitar financiamento empresarial dirixido a investimentos. A novidosa medida asinada hoxe, engadiu, encádrase no marco do Acordo pola Competitividade 2008-2011 asinado polo Presidente da Xunta cos axentes sociais o pasado 7 de xullo. “Son medidas que cobran a súa importancia e efectividade cando se realizan de forma conxunta coas entidades financeiras e coas empresas no marco das accións concertadas”, sinalou o conselleiro.

Préstamos preferenciais

As tres novas liñas de financiamento están dirixidas principalmente aos sectores manufactureiro, agroalimentario, turístico e comercializador. Os préstamos subsidiados e avalados terán un custe euríbor para as empresas que recibirán unha subvención de dous puntos, ademais do custe do aval das SGRs e do 50% da comisión de apertura. No programa de financiamento ao circulante a contía máxima do préstamo é de 600.000 euros cun período máximo de 3 anos. No programa de refinanciamento de pasivos, o importe máximo é de 1 millón de euros cun prazo máximo de 7 anos; e no programa de ampliación de capital, a contía máxima é de 600.000 euros e para un período de 7 anos. Combinando as distintas modalidades os préstamos poden acadar 1,5 millóns de euros.

Fernández Antonio subliñou que se trata dun programa destinado especialmente ás pequenas e medianas empresas de Galicia “que son o elemento fundamental do noso tecido produtivo en termos de actividade e de emprego”. Neste sentido, complementan as medidas xa dispoñibles para financiamento de investimento que tamén están dispoñibles para empresas de maior tamaño a través de préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), das liñas do ICO, ou da liña de avais para todo tipo de empresas, que para o próximo ano se amplía ata os 500 millóns de euros.

As entidades financeiras que participan no convenio de colaboración son: Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, Bancaja, Caja España, Banco de Galicia, Banco Espírito Santo, BBVA, La Caixa, Santander, Banco Popular Español, Banco Gallego, Caixa Rural Galega, Banco Caixa Geral, Banco Sabadell; Banco Español de Crédito; Caja de Ahorros de Salamanca y Soria, Caja de Ahorros del Mediterráneo; Afigal e Sogarpo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia