Skip to main content

A Mesa exíxelle á Deputación de Lugo que introduza o galego na súa páxina web

A Deputación de Lugo acaba de presentar unha nova aparencia da súa páxina web (www.diputacionlugo.org). A única lingua de entrada e consulta deste sitio web é o castelán, ficando excluído o galego de toda a información. Unicamente nunha ligazón situada nunha parte marxinal da páxina de entrada se sinala unha opción en galego que non está en funcionamento.
Continúase así cunha liña de desprezo ao galego que testemuñaba xa a anterior versión da páxina web desta administración. Isto acontece apesar de que desde comezos do ano 2001 diversas organizacións cívicas de defensa da lingua galega vimos demandando que haxa opción en galego deste sitio web.
A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse hoxe aos grupos políticos representados na Deputación de Lugo e ao presidente desta institución, Francisco Cacharro Pardo, para lles demandar que a información de entrada desta páxina web sexa en galego. Ademais, critícase que a Deputación de Lugo non utilice a súa denominación en galego (Deputación e non Diputación, o cal debería ter tamén repercusións no rexistro da páxina) e que, en xeral, a situación desta Administración fique lonxe da cooficialidade instaurada hai 25 anos, producíndose unha constante discriminación lingüística daqueles cidadáns e cidadás que queiran obter información ou realizar as súas xestións na lingua propria da Galiza.
Mesa pola Normalización Lingüística