Skip to main content

O cosmonauta ruso Sergei Krikalev, recibido en Santiago de Compostela

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño deulle a benvida a Galicia a un dos cosmonautas máis relevantes a nivel mundial, o ruso Sergei Krikalev, que conta co récord de permanencia e paseos no espazo e que se atopa na comunidade para asistir mañá á XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

O cosmonauta ruso visita Galicia invitado polo Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COTG-AETG) e o operador público de telecomunicacións galego Retegal S.A.

Sergei Krikalev (San Petersburgo, 1958) acadou o seu récord na madrugada do día 16 de agosto de 2005 e acumula neste momento un total de 803 días, 9 horas e 39 minutos no espazo e 8 paseos espaciais, superando a Sergei Avdeyev, que ata entón batira o récord de 748 días.

Estivo 311 días a bordo da estación espacial Mir entre 1991 e 1992 mentres a Unión Soviética se derrubaba, polo que ao aterrar era xa cidadán ruso e iso fixo que fose coñecido por moitos como “o último cidadán da URSS”.

Krikalev foi o primeiro ruso en voar nunha misión do transbordador espacial, a STS-60, en febreiro de 1994. Catro anos despois realizou o seu segundo voo nun transbordador da NASA, no 2000 foi membro da Expedición 1 da Estación Espacial Internacional e, posteriormente, no 2005, comandou a Expedición 11.

A súa dilatada carreira profesional fíxoo merecedor do título de Heroe da Unión Soviética; tamén conta co título francés de Oficial da Lexión de Honor e o de Heroe da Federación Rusa. Así mesmo, en 1994 e 1998 foi galardoado coa medalla de voos espaciais da NASA. O 15 de febreiro de 2007 foi nomeado vicepresidente de Energia Rocket and Space Corporation, ao cargo de voos espaciais tripulados.

A xuntanza do Sector Tecnolóxico e Aeroespacial co cosmonauta abrirá o programa da XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrará mañá no Hostal dos Reis Católicos e estará presidida polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño que este ano foi distinguido co recoñecemento de socio de Honra do COETG-AETG.

Este ano o acto está dedicado ás Telecomunicacións e ao Espazo, polo que reunirá a máis de 300 dos principais representantes do sector espacial, tecnolóxico e colexiados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia