Skip to main content

Beiras propón unha Cámara dos Pobos de Europa

O presidente da Fundación Galiza Sempre anunciou o proxecto de creación dunha Cámara dos Pobos de Europa impulsada pola Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU).

Xosé Manuel Beiras fixo estas declaracións durante o acto clausura en Santiago de Compostela do seminario “Outra Europa: a alternativa das nacións sen Estado”, no que tamén participaron Aureli Argemí, Presidente do Centre internacional Escarré per a les minories étniques i les nacions (CIEMEN), e Anxo Quintana, Vicepresidente da Xunta de Galiza.

Beiras salientou a “necesidade de construir unha nova Europea, que reformule os elemntos básicos sobre os que arrancou a construcción europea”.

Aínda que as conclusións do seminario faranse púbilcas próximamente, o presidente da Fundación Galiza Sempre avanzou a coincidencia dos participantes no seminario en construir unha nova Europa dende tres eixo: unha Europa dos pobos, non dende os estados, “é dicir, unha Europa das Comunidades Básicas, como propuñan algúns dos fundadores; reconstruir unha Europa máis democrática, de cidadáns libres e construir unha Europa social e solidaria.

Cámara dos Povos de Europa

Nese sentido, Xosé Manuel Beiras anunciou que “un novo paso para arroupar púbicamente ao CONSEU será a aparición en escea dunha Cámara dos Povos de Europa, que representará ás distintas nacións de Europa” co obxectivo de facer visíbel a alternativa da Europa dos Povos.

Pola súa parte, Aureli Argemí avogou por necesidade de facer visíbel o discurso da Europa dos Pobos baseada “na unión na diversidade e no respeito aos dereitos humanos tanto individuais como colectivos”. “Europa -subliñou- ou será de todos ou non será de nada”.

“O autogoberno das nacións, peza clave na construción dunha nova Europa”

Por último, o portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, salientou que “é dende o impulso do autogoberno das nosas nacións onde estamos a fundamentar non só un modelo alternativo á globalización neoliberal senón tamén a ensaiar con éxito a construción dunha nova Europa”.

“Outra Europa -asegurou- que ten no afortalamento dunha democracia radicalmente participativa e no autogoberno dúas das súas principais forzas de cambio político e transformación social, para crear espazos de libre decisión para a pluralidade nacional existente nos actuais estaos europeus e sentar os alicerces dunha nova cidadanía”.

O Seminario enmárcase no proceso impulsado pola Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU) con vistas a definir unha alternativa ao actual modelo europeo e pretende “formular propostas políticas innovadoras e novos argumentos a prol dunha reconstrución de Europa a partir das súas comunidades nacionais, descubrindo as eivas do marco xurídico-político actual”.

A Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU) é un foro de organizacións políticas, culturais e cívicas co obxectivo común de avanzar cara unha Europa respectuosa coa súa diversidade nacional, lingüística e cultural, e da defensa dos principios democráticos e o dereito dos pobos á autodeterminación.


Fundación Galiza Sempre