Skip to main content

O Seminario de Estudos Galegos custodiará e divulgará o legado de Isaac Díaz Pardo

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, adiantou en Rianxo que a Fundación Seminario de Estudos Galegos custodiará o legado de Isaac Díaz Pardo e velará pola súa divulgación. O conselleiro fixo este anuncio na súa intervención no acto de nomeamento de Isaac Díaz Pardo como fillo adoptivo de Rianxo, unha cerimonia que se celebrou no Auditorio municipal e na que tamén participou o alcalde desta localidade coruñesa, Pedro Piñeiro Hermida.

Méndez Romeu explicou que esta fundación pública será constituída proximamente polo Goberno da Xunta de Galicia e adiantou que estará ubicada na sede do Instituto Galego de Información (IGI), en San Marcos, Santiago de Compostela, e que empezará a funcionar antes de final de ano. O conselleiro asegurou que esta fundación será un “legado para as futuras xeracións” e explicou que a Xunta pretendía que esta institución levase o nome de Isaac Díaz Pardo pero que o intelectual non o aceptou “pola humildade que o caracteriza”.

No transcurso da súa intervención, Méndez Romeu destacou a traxectoria de Isaac Díaz Pardo e a súa “obra enorme” en distintas facetas como a escritura, a pintura e, especialmente, o mundo empresarial. O conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia salientou a aposta do intelectual galego polas ideas e pola innovación e remarcou que, coa súa aposta por converter estes principios en empresas, conseguir converterse nun referente para o mundo cultural galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia