Skip to main content

Pesca cede unha embarcación ás confrarías de Cangas e Redondela

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos cederá ás confrarías de pescadores de Cangas e Redondela unha embarcación para ser empregada con fins de utilidade pública e de interese social, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a través da Orde do 20 de outubro de 2008.

A embarcación que entregará o departamento que dirixe Carmen Gallego aos dous pósitos para a súa xestión conxunta é a denominada “Illas Lobeiras”, que ten 5,30 metros de eslora e dous metros de manga. Esta lancha foi construída no ano 1991 e conta cun motor foraborda Yamaha modelo 150 C Etol de 150 CV de potencia.

A cesión, que se outorgará por un prazo de cinco anos contados a partir da súa formalización e que poderá ser prorrogable por períodos sucesivos de igual duración, implica o cumprimento das cláusulas establecidas polo lexislación actual nesta materia. Así, en primeiro lugar, a embarcación será utilizada por parte da dúas confrarías para fins de utilidade pública e interese social, principalmente destinarase a tarefas de vixilancia e colaboración en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

Por outra banda, os dous pósitos beneficiarios desta cesión serán os responsables da reparación e posta en funcionamento da lancha e, así mesmo, encargaranse do seu mantemento para conservala en bo estado. Ademais, responderán do seu valor en caso de destrución, roubo ou perda e terán a obriga de realizar un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos, tanto persoais como materiais, que se puidesen ocasionar co seu uso.

No caso de non cumprirse a finalidade pola cal foi entregada a embarcación, ou de utilizarse con grave quebrantamento ou incumprimento das condicións do acordo, a Consellería de Pesca cancelará a citada cesión e o ben volverá a estar a disposición Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

A cesión desta embarcación por parte da Administración pesqueira galega será formalizada mediante unha acta subscrita polo secretario xeral deste departamento autonómico, ou o funcionario en que delegue, e os órganos competentes das entidades ás que se lles fai entrega do citado ben. Neste documento deberá figurar o acordo de cesión e a aceptación por parte de cada un dos cesionarios.

Outras cesións de medios a outras entidades

Cabe lembrar que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos cedeu este verán varios medios a diferentes confrarías e a outras entidades. Así, o pasado agosto outorgou unha embarcación á Confraría de Pescadores de Malpica de Bergantiños e dous vehículos ao Concello e á asociación de voluntarios de Protección Civil desta mesma localidade. Ademais, a finais do mesmo mes, cedeu unha embarcación e un vehículo para uso da Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa (Pontevedra).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia