Skip to main content

Senén Barro aposta por un Plan Galicia no que teña especial protagonismo a sociedade da información e o coñecemento

O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, recibiu no Hostal dos Reis Católicos ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, quen lle formulou unha serie de cuestións que preocupan e interesan ás Universidades e á sociedade galega. Neste senso, o reitor reclamou a aposta do Goberno por un Plan Galicia que potencie tamén a formación, a I+D, a innovación e o emprendemento, en aras da plena integración desta comunidade na sociedade da información e o coñecemento.
Na xuntanza o reitor compostelán, quen valorou a entrevista como moi positiva, solicitoulle ao presidente do Goberno a creación en Galicia de centros de investigación de referencia no ámbito nacional á vez que lle transmitiu a necesidade de impulsar a consolidación do xa importante tecido investigador existente en Galicia aumentando o número de investigadores, a súa preparación, a súa estabilización e a posta en marcha dos medios necesarios para o desenvolvemento dunha investigación de calidade. Neste contexto investigador, Barro referiuse tamén á necesidade de impulsar a creación de parques científico-tecnolóxicos de empresas, que desenvolvan a súa actividade no que é a fronteira entre o coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico así como apoiar as fórmulas e programas de emprendemento nas universidades.
Senén Barro demandou ademais, no seu encontro co presidente do Goberno, un apoio económico suficiente para o desenvolvemento efectivo do espazo europeo de ensinanza superior así como o impulso decidido aos obxectivos da Declaración de Compostela, resultado do sentir unánime de 170 Universidades Iberoamericanas reunidas en Santiago no pasado febreiro, que promove un espazo iberoamericano das mesmas características. Neste punto, segundo explicou o reitor, o presidente Zapatero tamén mostrou un especial interese e avanzou a celebración dunha xuntanza ministerial a máis tardar a comezos do vindeiro ano para tratar a Declaración de Compostela e trasladar ese traballo ao Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno que se celebra anualmente.
Por último, o reitor trasladoulle ao presidente do Goberno a necesidade de incrementar os recursos para os programas de mobilidade universitaria, fundamentalmente neste espazo iberoamericano.
Anteriores encontros
Esta foi a segunda ocasión na que a Universidade de Santiago mantén en Compostela contactos ao máis alto nivel con responsables do actual Goberno español, xa que hai un mes a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra da Presidencia, María Teresa Fernández de la Vega, visitou a institución docente e recibiu a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago.
Ademais, tamén foi esta a segunda vez que José Luis Rodríguez Zapatero se entrevista co reitor compostelán, aínda que nesa primeira xuntanza, que tivo lugar no Reitorado o 21 de febreiro deste ano, fíxoo en calidade de candidato á Presidencia do Goberno de España.
Gabinete Comunicación USC