Skip to main content

Conmemórase o 90º aniversario da Asamblea Nacionalista de Lugo

O 90ª aniversario da Asamblea Nacionalista centra as xornadas que levan por título, A Galiza das Irmandades: unha perspectiva actual. Nestas xornadas que se levan a cabo desde o mes de novembro até o de xaneiro do 2009 poñerase de manifesto a vixencia do ideario nacionalista asinado no ano 1918. Con este acto organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) quere darse a coñecer unha etapa histórica de Galiza e un fito histórico que supuxo o nacemento do nacionalismo moderno e da historia do noso país. Francisco Rodríguez foi o encargado de abrir este ciclo cunha charla sobre a vixencia do manifesto de 1918. Manifesto que sigue vixente na actualidade pois moitas das reivindicacións que se ven reflectidas nel fican insatisfeitas e seguen a constituír as arelas e as reivindicacións do nacionalismo galego actual.

O manifesto nacionalista asinado en Lugo no 1918 é de grande importancia, porque rexistra o maior punto de inflexión da historia do galeguismo político. Publicado no seu día como Manifesto ao Pobo Galego e distribuído en forma de folla solta , recolle, os acordos da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Tales acordos asinados fai 90 anos, no Hotel Méndez Núñez, da cidade de Lugo representan o cerne e o xermolo do Nacionalismo Galego, movemento político que se atopa

OITO CONFERENCIAS E UNHA VISITA GUIADA

O mércores 19 de novembro, representantes dos tres partidos políticos con representación no Parlamento de Galiza falarán nunha mesa redonda sobre a organización territorial, con especial incidencia nas propostas que formularon os precursores desa primeira asemblea.

Baixo o título Do local ao nacional, Xoán Garrido falará o 2 decembro de todos os movementos sociais que se produciron na primeira década do século XX en Galicia, mentres que Encarna Otero centrará a súa intervención, ao día seguinte, na soberanía estética, para comentar os movementos artísticos dese período da historia.

Pola súa banda, Margarita Ledo recordará os vellos anhelos dos primeiros nacionalistas para crear medios de comunicación de capital galego, na súa charla Prensa en construción, que impartirá o 4 de decembro.

O 8 de xaneiro, Pilar García Negro falará sobre os dereitos civís que pedían os membros da asemblea de Lugo e a vixencia do seu discurso na actualidade, mentres que o 15 dese mesmo mes, Xosé Díaz disertará sobre o réxime económico que propuñan para Galicia. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, pechará ao día seguinte as intervencións cunha conferencia sobre a lingua, o ensino e a cultura.

A parte das conferencias, o escritor Lois Diéguez guiará unha ruta a pé pola cidade, o 31 xaneiro. Ademais, desde o día 30 dese mes, estará aberta no Pazo de San Marcos, sede da Deputación, unha exposición monográfica que recollerá textos e imaxes da primeira asemblea nacionalista.



Vítor Otero (Xefe de Gabinete da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo)