Skip to main content

O Parlamento aproba a nova Lei de Turismo de Galicia

O Parlamento Galego aprobou o Proxecto de Lei de Turismo de Galiza, lei impulsada pola Consellaría de Innovación e Industria para dar resposta á necesidade de actualización do contexto legal que regulaba até agora as actividades turísticas e para favorecer a actividade empresarial e a creación de emprego nun entorno dinámico e competitivo, tal e como destacou o titular do departamento autonómico, Fernando Blanco, durante a súa intervención na Cámara.

A nova norma consta de 85 artigos distribuídos en 10 títulos que abranguen os diferentes ámbitos de aplicación e entre os seus principios destaca a adecuación aos recentes documentos internacionais sobre o sector turístico, nos que se vincula o turismo co crecemento económico e a creación de emprego e se destaca o papel que cumpre no coidado do patrimonio cultural e natural, o fortalecemento da propia identidade e o diálogo intercultural. De igual xeito, no novo texto legal avogase pola necesidade de afondar nun turismo sustentábel que garanta a viabilidade económica, a implicación das comunidades locais e a preservación da diversidade natural; por garantir un turismo de calidade como xeito de mellorar a competitividade no sector, apostando pola profesionalización, a formación, o aproveitamento das vantaxes diferenciais e a renovación de infraestruturas; e pola promoción dos valores e recursos propios de Galiza, facendo da lingua, cultura, identidade, patrimonio ou gastronomía elementos diferenciadores da nosa oferta turística á hora de competir.

Entre as novidades que se incorporan, cómpre salientar que a lei afonda na cooperación entre as distintas administracións, con especial relevo dos entes locais municipais e supramunicipais e co resto dos axentes do sector, o cal se realizará por medio do Consello Regulador do Turismo. O Consello dótase de contido e capacidade, estando presentes os profesionais do sector, o que permitirá contar coa participación e o consenso do mesmo á hora de tomar iniciativas en materia de turismo. Estará composto por un máximo de 13 membros representantes das administracións públicas e as asociacións máis representativas do sector.

Por outra banda, o novo texto actualiza a clasificación dos establecementos de turismo, simplificando e facendo categorías máis flexibles para adaptarse ás demandas cambiantes do mercado. Por vez primeira recóllese ademais a realidade das empresas de intermediación e de servizos turísticos. De igual xeito, os establecementos rurais estarán vinculados a unha cualificación urbanística do solo determinada, isto é, o solo rústico e o de núcleo rural. Con isto garántese que estes establecementos estean localizados nun contorno rural, en asentamentos tradicionais de menos de 500 habitantes.

Outros aspectos novidosos da lei son o establecemento da Rede Galega de Oficinas de Turismo, que comprenderá todas as oficinas existentes nos ámbitos público e privado co fin de coordinar esforzos e homoxeneizar a calidade do servizo; e a fixación de conceptos como os territorios de preferente actuación, os concellos turísticos, os recursos de interese turístico, as profesións e os usuarios turísticos, que ven recoñecidos legalmente os seus dereitos. Así mesmo cómpre destacar o título da Lei que fai referencia específica á promoción e fomento do turismo, título que recolle o impulso ás festas e tradicións populares e á diversificación e desestacionalización da demanda coas modalidades de turismo como o de congresos, termal, náutico, rural ou cultural. Por último, o novo réxime sancionador actualiza a disciplina turística e recolle como moi grave a vulneración do dereito á intimidade dos clientes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia