Skip to main content

A economía galega medra un 1,6% no terceiro trimestre

A economía galega medrou no terceiro trimestre do ano un 1,6% -sete décimas máis que a media española e oito máis que a europea-, se ben reduciu o seu ritmo en oito décimas respecto do trimestre anterior. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen subliñou que no contexto de recesión dos principais países europeos, de Estados Unidos e de Xapón, a economía galega ten un comportamento relativamente mellor aínda que se ve afectada pola crise económica internacional. “A economía galega non queda ao marxe da senda xeral de crise internacional”, explicou o conselleiro, que destacou o seu elevado grao de apertura ao exterior pola presenza de sectores con empresas líderes dende o punto de vista internacional.

O conselleiro explicou os datos da contabilidade trimestral de Galicia publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ao terceiro trimestre do ano que confirman, segundo expuxo, o avance na converxencia rexistrado nos tres últimos anos, nos que se incrementou o nivel de vida dos galegos de xeito significativo e cun diferencial positivo respecto das condicións de vida en España. Nese período, o crecemento real per cápita da economía galega é do 11,2%, cinco puntos máis que a media estatal. “En tres anos o diferencial respecto da Unión Europea reduciuse en 6 puntos porcentuais e xa está no 90,2%”, sinalou o conselleiro. Nese sentido, Fernández Antonio destacou que o avance nese proceso é o gran obxectivo do Goberno galego e que “o esforzo que estamos facendo nese contexto é o de reaccionar de forma anticipada e activa ante a situación de crise”. Impulsar a dinamización económica e o mantemento do emprego son, nese sentido, as prioridades do Goberno galego que vén anticipándose ás consecuencias da crise con medidas anticíclicas “dende o pasado mes de xaneiro co primeiro paquete de accións; co Acordo pola Competitividade asinado polo presidente da Xunta e os axentes sociais en xullo; e co último paquete de medidas adoptado hai quince días polo Consello da Xunta”, afirmou. Nese sentido, “o obxectivo é manter o tecido produtivo e o emprego; e mellorar o nivel de competitividade”.

Elementos positivos

O conselleiro destacou a importancia da crise internacional que ten provocado que por primeira vez dende os anos 30 as economías desenvolvidas retroceden en conxunto. Non obstante, segundo explicou, existen algúns factores positivos compensadores como son a caída dos prezos das materias primas, en particular do crú, cunha repercusión positiva nos prezos e a tendencia é que siga diminuíndo; e tamén a baixada nos tipos de xuro. Neste marco, explicou, e pese ás previsións dos organismos internacionais sobre a etapa de debilidade económica nos países desenvolvidos, “se prevé o inicio da recuperación a partir do segundo semestre do ano 2009”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia