Skip to main content

Case 900 establecementos teñen o selo de calidade do comercio galego

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presidiu en Santiago o acto de entrega do Selo de Calidade do Comercio Galego a 270 novos establecementos, co que a día de hoxe xa son preto de 900 os comercios certificados coa marca impulsada polo departamento autonómico. Nun acto no que estivo acompañado da directora xeral de Comercio, Ana Rúa, o conselleiro nacionalista salientou a positiva resposta e o compromiso demostrados por parte dos comerciantes ante esta iniciativa, como así o demostra o incremento dun 20% entre 2007 e 2008 no número de establecementos que contan co distintivo e polas máis de 1.100 solicitudes presentadas para a súa obtención este ano.

Fernando Blanco lembrou que o selo contribúe a mellorar a imaxe e a competitividade do comercio retallista e que fomenta ademais valores engadidos como elementos diferenciadores do sector, o que considerou clave nun mercado cada día máis competitivo. O distintivo certifica así a prestación dun servizo de calidade, responsable socialmente e comprometido cuns consumidores e consumidoras cada vez máis esixentes. Para a súa obtención, os establecementos deben estar en posesión do certificado UNE 175001 e ademais cumprir 3 parámetros altamente beneficiosos para o tecido comercial galego: os referidos ao servizo (cortesía, seguridade, credibilidade, ou capacidade de resposta e comunicación); os que teñen que ver cos elementos tanxibles (instalacións; equipos e mobiliario, envases, ou documentos de compra); e os referidos ao persoal (con determinados parámetros sobre a atención ao público ou a competencia profesional).

A Consellaría destinou máis de 3 millóns de euros á implantación do Selo de Calidade do Comercio Galego nos dous últimos anos: 800.000 en 2007 e 2,2 millóns en 2008. Do investimento correspondente ao presente exercicio, 1,1 millóns foron dedicados a axudas directas a establecementos, das que se beneficiaron comerciantes a título individual e asociacións sectoriais. Así mesmo, a achega para formación destinada á implantación do distintivo e sobre calidade alcanzou os 611.000 euros e a destinada á campaña promocional do selo sumou 500.000 euros.

O titular de Innovación e Industria recordou por último o compromiso do seu departamento co sector, cun investimento medio de 25 millóns de euros anuais en axudas directas ao longo dos tres últimos exercicios. O fomento do uso das novas tecnoloxías, a incentivación de Centros Comerciais Abertos, o acondicionamento de espazos urbanos comerciais, ou o apoio á formación de comerciantes son algunhas das accións estratéxicas apoiadas pola Consellaría. Nesta liña e para o orzamento de 2009, o departamento autonómico prevé un incremento do 16% nas partidas de investimento real, o que suporá chegar aos 34,3 millóns de investimento. E no tocante ás actuacións directas de promoción e animación comercial os recursos destinados a este fin alcanzarán os 28,4 millóns en axudas ao pequeno comercio, entre as que haberá unha liña para as reformas dos establecementos e adquisición de equipamento e mobiliario.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia