Skip to main content

Presentada en Bruxelas a Rede Neurona de Plataformas Tecnolóxicas Galegas

A Consellaría de Innovación e Industria (Xunta de Galicia) presentou en Bruxelas a Rede Galega de Plataformas Tecnolóxicas –NEURONA- como a ferramenta para a colaboración e internacionalización de sectores estratéxicos para a economía galega. A presentación, que tivo lugar na sede do CSIC na capital belga, serviu para dar a coñecer no ámbito europeo a creación e os primeiros resultados desta rede integrada na actualidade por 17 plataformas sectoriais que agrupan a máis de mil cincocentas empresas. Participaron no acto Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de I+D+i; José Manuel Silva, director xeral de Investigación da Comisión Europea; e representantes das Plataformas Tecnolóxicas Galegas de Agroalimentación, Biotecnoloxía e Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.

As plataformas tecnolóxicas, consorcios de todos os axentes do Sistema Galego de Innovación relacionados cun sector, son un dos eixos da política de articulación do Sistema Galego de I+D+i. Salustiano Mato explicou que as plataformas tecnolóxicas teñen entre os seus principais obxectivos aumentar a capacidade innovadora de Galiza transformando o coñecemento científico en valor económico engadido, garantir que se cumpran os avances tecnolóxicos e de I+D+i nos distintos sectores estratéxicos a medio e longo prazo, acadar e mobilizar unha masa crítica de I+D+i en cada un dos sectores estratéxicos para Galiza, orientar os investimentos locais e estatais públicos e privados en I+D+i e facilitar a participación das empresas, especialmente PEMES, en grandes proxectos de ámbito estatal e internacional.

Actualmente as 17 plataformas tecnolóxicas existentes agrupan a máis de 1500 socios. Entre eles súmanse 1020 empresas, 46 asociacións e clústeres empresariais, 22 centros tecnolóxicos e 317 grupos de investigación. A Consellaría de Innovación e Industria investiu máis de 4,5 millóns de euros na creación e consolidación destas plataformas que obtiveron xa máis de 17 millóns de euros de apoio financeiro e que están a mobilizar máis de 81 millóns de euros en proxectos.

Coordinación europea

O director xeral de Investigación da Comisión Europea, o galego José Manuel Silva, felicitou á delegación de Galiza e amosou a súa seguridade en que as Plataformas Tecnolóxicas Galegas establecerán sinerxías no contexto europeo para “evitar a fragmentación dos esforzos de investigación entre os sectores público e privado” e “entre os estados e as rexións de Europa”. Así mesmo, felicitou á delegación galega por traballar “a prol da excelencia científica” e por “compartir o espírito do Espazo Europeo de Investigación”.

José Manuel Silva expresou a necesidade da C.E. de coordinar as accións das Plataformas Europeas coas que se desenvolven nos países membros da Unión e asegurou que a unión de esforzos “é unha condición sine qua non para asegurar o éxito de ambas iniciativas”. Segundo explicou, algunhas Plataformas Tecnolóxicas europeas conseguiron influír en Programas de Investigación dalgúns estados membros “precisamente a través dos seus vínculos coas plataformas rexionais ou estatais”.

Neurona, instrumento de colaboración

En abril do presente ano, presentouse a rede Neurona como foro de encontro entre as Plataformas Tecnolóxicas Galegas para “o intercambio de información sobre necesidades e intereses no ámbito da I+D+i, así como experiencias propias e mellores prácticas na constitución e consolidación das plataformas”, como explicou Salustiano Mato, que definiu Neurona como “un ente facilitador, dinámico e flexible, para o intercambio de información e experiencias”.

O director xeral indicou que a Rede facilitará ademais a colaboración entre os axentes integrados nela para a realización de proxectos de I+D+i e a creación dunha imaxe institucional única da I+D+i de Galiza, o que permitirá a internacionalización da economía galega nos seus sectores fundamentais.

Na procura destes obxectivos estratéxicos, desde a Rede Neurona estanse a realizar obradoiros sobre metodoloxías e funcionamento das plataformas tecnolóxicas e a organizar encontros para promover a colaboración e a xeración de proxectos en cooperación. Ademais, Neurona puxo ou está a poñer en marcha servizos como o Catálogo de capacidades de I+D+i, o Servizo de Vixilancia Tecnolóxica, o Club de Investidores, e proporciona apoio e asesoramento sobre a orientación dos proxectos e sobre fontes de financiamento.

Tres exemplos

Na presentación de Neurona en Bruxelas participaron tamén os representantes de tres das plataformas tecnolóxicas galegas para explicar a organización, o funcionamento e os primeiros resultados obtidos por cada unha delas. Antonio Rodríguez del Corral, presidente da Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC – VINDEIRA; Lorenzo Pastrana, vicepresidente da Plataforma Tecnolóxica Galega Agroalimentaria (PTGAL), e María Isabel Loza, representante da Plataforma Tecnolóxica Galega de Biotecnoloxía.

Os tres representantes das plataformas explicaron que se están a crear grupos de traballo coa participación de empresas, universidades e centros tecnolóxicos segundo as liñas de investigación definidas polas Axendas Estratéxicas de Investigación que cada un dos organismos redacta para establecer as súas prioridades.

Antonio Rodríguez del Corral indicou que a estratexia que segue VINDEIRA é promover a colaboración entre universidades, empresas e centros tecnolóxicos para obter financiamento e desenvolver produtos innovadores de hardware e de software. Están xa a traballar grupos en temas específicos como a domótica, as tecnoloxías móbiles ou a televisión interactiva dixital.

A PTGAL, pola súa banda, conta con grupos de traballo vinculados a proxectos sobre seguridade alimentara, tecnoloxías emerxentes e valorización de subprodutos. Lorenzo Pastrana, o seu vicepresidente, explicou que estas materias de investigación son froito dos obxectivos marcados na Axenda Estratéxica, que define ademais tres liñas transversais nas que tamén están a avanzar grupos da plataforma: o incremento das capacidades de innovación, as estruturas de soporte ao I+D+i e a investigación de mercados.

Pola súa banda, María Isabel Loza, explicou que no sector da biotecnoloxía se propiciaron iniciativas para a transferencia da investigación ao ámbito empresarial e destacou o proxecto ChemBioGal, apoiado pola Consellaría de Innovación e Industria, para a construción dunha biblioteca pública en Galiza en materia de biotecnoloxía. Participan no proxecto quince grupos de investigación galegos e do norte de Portugal, dúas empresas e os principais centros de investigación.

Os obxectivos estratéxicos da Plataforma de Biotecnoloxía, á que están adheridas dezasete empresas, son potenciar a competitividade galega no campo da biotecnoloxía aplicada á saúde, impulsar o sector empresarial galego mediante a execución de proxectos innovadores e converterse nun foro de referencia acadando unha alta representatividade.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia