Skip to main content

Pesca achega dous millóns de euros para completar os periodos mínimos de cotizacións dos mariscadores

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 21 de novembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores e mariscadoras a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de acadar unha pensión de xubilación, así como a súa convocatoria para 2009. Así, o departamento autonómico achegará un total de dous millóns de euros para esta medida posta en marcha coa finalidade de que este colectivo teña unha xubilación digna.

As persoas interesadas en acceder a esta medida deberán cumprir diversos requisitos entre os que se atopan ter exercido a actividade marisqueira a pé durante os dez anos anteriores á data de cesamento nesta e ter cotizado á Seguridade Social un período mínimos de nove anos, que poden ser oito anos baixo certos condicionantes. Ademais, deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter ningunha outra débeda coa Administración pública galega, así como asinar un convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do réxime especial dos traballadores do mar ou ter asinado convenio especial de base igual ou superior a aquel. Así mesmo, os beneficiarios non poderán percibir ningunha outra axuda para a mesma finalidade e non ser perceptor de pensión de xubilación ou incapacidade permanente e non estar incurso en
prohibición que lles impida beneficiarse de subvencións.

A maiores dos requisitos referidos, os interesados deberán cumprir
determinadas situacións no período comprendido entre o 1 de novembro de 2008 e o 31 de outubro de 2009, concretamente ter o permiso de explotación para o marisqueo a pé en vigor ata o día inmediatamente anterior ao cumprimento dos 65 anos ou que unha vez cumpridos os 65 anos teñan prorrogado o permex. Así mesmo, tamén poderán solicitar as axudas aquelas persoas que se acolleron á convocatoria de 2008.

Pola súa banda, a contía que percibirán os beneficiarios será de importe
mensual igual ao correspondente á pensión mínima de xubilación para
maiores de 65 anos (sen cónxuxe a cargo) durante 2009 ou de importe
mensual igual ao da cota dun convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do réxime especial dos traballadores do mar no vindeiro exercicio.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado para os mariscadores que se acolleron a estas axudas no actual
exercicio ou ou dun mes contado a partires do momento no que teñan
prorrogado o permex, unha vez cumpridos os 65 anos, ou co permiso de
explotación en vigor ata o día anterior ao cumprimento dos 65 anos.

Melloras sociais

A orde de axudas para que os mariscadores e mariscadoras a pé poidan
completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos
traballadores do mar co obxecto de acadar unha pensión de xubilación
inclúese nas melloras sociais postas en marcha polo departamento que
dirixe Carmen Gallego, entre as que tamén se inclúe o seguro de mal tempo ou a ampliación da póliza do seguro colectivo de accidentes no mar aos inmigrantes enrolados en buques pesqueiros con porto base en Galicia.

Cabe lembrar que a normativa vixente establece que, con carácter xeral, os mariscadores deben cesar a súa actividade o mesmo día que cumpren os 65 anos polo que, en tales circunstancias, poden solicitar a correspondente pensión de xubilación. Non obstante, existe un importante colectivo de profesionais que ao rematar a súa actividade profesional non poden disfrutar da devandita pensión por non acadar o período mínimo de
cotización requirido pola Seguridade Social.

Consciente desta situación, a Consellería de Pesca vén aplicando, dende o exercicio 2007, unhas axudas que permiten colaborar no pagamento das cotizacións para completar, a través da subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social, os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar para acadar unha pensión de xubilación. Ademais, con estas subvencións tamén se facilita a subsistencia dos beneficiarios durante o tempo necesario para completar as cotizacións.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia