Skip to main content

O vicepresidente da Xunta reivindica que é o momento de voltar á política con maiúsculas

“Creo que en momentos coma este, no que a crise económica afecta cada vez a máis persoas e provoca máis anguria e preocupación, agora é cando a política cobra máis valor que nunca. Agora é o momento da política con letras maiúsculas”. Así comezou a súa intervención o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nun coloquio con estudantes de Xornalismo da USC para a realización dunha clase práctica de redacción xornalística. Quintana reivindicou así a importancia que cobra hoxe na actualidade a política, “a política con letras maiúsculas”, entendida coma o exercicio de servir ao pobo e entendida como a representación cidadán e a posibilidade dos cidadáns de decidir e de marcar o seu futuro.

O vicepresidente lembrou a “mala prensa” que levou durante moito tempo a política. “Houbo quen se encargou de dicir, con reiteración e con certo éxito, que a política sobraba, que as grandes decisións no mundo se tomaban e se debían tomar noutros ámbitos, tentando así interesadamente separar o mundo da política do mundo das decisións reais, trasladando a idea de que as cousas importantes as dicían profesionais asépticos que nada tiñan que ver con cuestións partidistas, que todos sabemos que son moi malas e tremendamente sospeitosas”. E fronte a este ámbito e a estes profesionais, tal e como expuxo Quintana, estaban a política e os políticos, “que como non poden dedicarse a outra cousa, dedícanse a isto e hai que darlles un espazo para que se entreteñan”.

Quintana explicou aos futuros xornalistas que, ao seu entender, esta era unha concepción tremendamente antidemocrática do que é a política. “Porque a política ao final é o exercicio da vontade cidadán e na medida en que os cidadáns teñan a oportunidade de decidir o que consideran mellor para eles, terán a oportunidade de decidir sobre o seu futuro, e no momento en que iso non é así pois o futuro o decidirán outros por eles”. Recordou que durante todos estes tanos se trasladou a idea de que todo o público é malo, non funciona, é ineficaz, e en cambio todo o privado é sinónimo de eficacia, honradez, eficiencia. Pois ben, tal e como debullou o vicepresidente, hoxe en día están caendo todos estes paradigmas. Porque agora, todos os que ata fai pouco se presentaban despois das reunións dos consellos de administracións dos grandes bancos e empresas para fardar dos grandes logros conseguidos grazas á súa profesionalidade e lonxe dos políticos, “eses mesmos son os que agora claman porque os gobernos e os recursos públicos acudan no seu rescate ante a súa quebra e ante a súa falta de liquidez e de eficacia”.

Chegada ao Goberno

O vicepresidente Quintana lembrou que fai tres anos se produciu unha importante novidade en Galiza, coa oportunidade por primeira vez para o nacionalismo galego de gobernar no país, participando na Xunta de Galicia. Ante este reto, Quintana recordou que o nacionalismo galego se marcou un contrato cos cidadáns para levar adiante un programa de cambio, “un programa de cambio ambicioso e realista ao mesmo tempo”. Ambicioso porque “somos unha forza política transformadora, non nos conformamos con xestionar o momento presente, nós pensamos que a política é algo máis. A política e os proxectos políticos teñen que servir para transformar positivamente a sociedade. E esta idea é a que tentamos trasladar ao acordo de goberno, que para nós é un contrato cos cidadáns e é o que tentamos executar durante estes tres anos”.

Quintana asegurou que este cambio transformador é ambicioso, pero que se está executando con realismo. Entre outras cousas, porque o Goberno galego é un goberno cunha autonomía con competencias limitadas, “unha autonomía cun financiamento raquítico e formamos parte dun goberno de coalición no que nós somos minoría. Polo tanto, creo que é necesario sermos ambiciosos, pero sabemos que os mimbres cos que contamos son eses e con eses temos que construír o cesto”. Segundo expuxo Quintana, o feito ata agora é positivo, porque se teñen encarado transformacións estruturais e cos poucos recursos dispoñibles se puideron facer reais, “e esperamos ter a oportunidade de convertelas non só en reais senón en moito máis operativas e efectivas no futuro”.

O vicepresidente recalcou que o nacionalismo galego no Goberno ten levado a cabo unha importante “acción transformadora, positiva, na liña do que nos comprometemos coas sociedade. Pero é certo tamén que nos fai falta máis tempo para consolidar o proceso de transformación e niso estamos”. Asegurou que os obxectivos para o futuro pasan por consolidar o que se ten feito. Lembrou que hai en Galiza moita xente que di que si houbo cambio, pero que queren máis e asegurou sumarse tamén a eles, “pero ao que si aspiro é a que se miren as cousas con realismo, que é o que temos, que é o que tiñamos e con que podemos contar no futuro. Creo que temos feito cambios transformadores moi importantes pero quedan aínda moitos máis por facer”.

Entre estes cambios de cara ao futuro, o vicepresidente destacou que é necesario que Galiza na próxima lexislatura teña un novo Estatuto, un Estatuto de nación, “porque estou convencido que canto máis autogoberno teñamos máis posibilidades vamos ter de xerar políticas de cambio e políticas transformadoras. Galiza precisa un Estatuto de nación que nos coloque no ámbito do Estado español ao mesmo nivel que as outras nacións do Estado e que nos dote aquí dos instrumentos para seguir xerando benestar, pero con máis forza e con máis capacidade e con máis eficacia”.

Cambios estruturais

Para explicar de xeito máis claro as transformacións estruturais que en Galiza se teñen producido, o vicepresidente debullou unha serie de cambios estruturais que se teñen posto en marcha. Quintana explicou que a chegada do bipartito ao Goberno ten transformado de xeito radical a concepción que se tivo durante anos do medio rural. Lembrou que durante moito tempo o medio rural en Galiza foi entendido, por parte de moitas forzas políticas e por parte de moita xente, “como un ámbito sen remedio, algo antigo, do pasado, que non xera riqueza”. Fronte a isto, a concepción totalmente contraria do Goberno actual, que concibe o rural como un espazo no que se poden practicar políticas de cambio para xerar riqueza e benestar, “pero iso si, o que hai que ter é valentía política para polas en marcha, pero nós tivémola”. Así, Quintana lembrou que, “como somos un proxecto político transformador non nos engurramos e puxemos en marcha proxectos coma o Banco de Terras de Galiza”, unha medida transformadora que xa está observada e mimetizada por outras comunidades e países. O vicepresidente salientou o positivo de que en Galiza se poñan en marcha políticas transformadoras que poidan servir para os galegos, pero tamén de exemplo para a transformación e o avance da humanidade.

Outro eido no que se ten realizado un cambio transformador é no da enerxía eólica, tal e como sinalou Quintana. Dixo que a política transformadora que se está facendo no eido dos eólicos está tentando cambiar a historia enerxética de Galiza, “porque Galiza sempre foi produtora de enerxía eléctrica, pero os galegos e as galegas nunca se beneficiaron diso e nós o que estamos cambiando é esta situación”.

Dentro das políticas transformadoras postas en práctica polo nacionalismo galego, da que dixo Quintana sentirse máis orgulloso é na construción do Sistema Galego de Benestar, o sistema necesario para crear a cuarta pata do Estado do Benestar, despois da sanidade, a educación e o sistema de pensións. Recalcou o carácter xeneral do Sistema Galego de Benestar, que se dirixe ao conxunto da poboación e entendido coma unha rede pública de atención ás persoas maiores, ás persoas dependentes, ás que sofren calquera discapacidade e ás persoas en risco de exclusión.

Autogoberno

Ao falar de autogoberno, Anxo Quintana sinalou que moita xente só o identifica coa cuestión identitaria, “autogoberno, autonomía política=cuestión identitaria. Efectivamente é así”, pero o autogoberno implica moitas máis cousas, tal e como expuxo o vicepresidente da Xunta, tras sinalar que obviamente a autonomía política ten un primeiro chanzo, que é refrendar a nosa identidade. “Pero o autogoberno ten que servir tamén para moitas cousas máis. Sobre todo a min o autogoberno interésame na medida en que nos dota de instrumentos cos cales podemos xerar benestar para os cidadáns. Esta é a base fundamental do autogoberno”, expuxo Quintana, quen asegurou que, na medida en que dende aquí teñamos a posibilidade de facer políticas propias, vamos ter moitas máis posibilidades de que os cidadáns galegos poidan acceder a máis cotas de benestar.

Para ver esta importancia do autogoberno na práctica, o vicepresidente puxo un exemplo moi actual. Falou da actual crise económica nun dos sectores que máis a están sentindo, o da construción. Unha situación ante a que o autogoberno ten que servir tamén para intentar poñer solucións enriba da mesa, porque si que é un ámbito competencial que o permite facer. E empregar o autogoberno é o que ten feito a Xunta de Galicia neste ámbito, coa posta en marcha do Plan Sectorial de Vivenda Protexida, co que se declaran como solo residencial para vivenda protexida oito millóns de metros cadrados para poder construír 45.000 vivendas a prezo taxado. Un plan co que se consegue un dobre obxectivo, poñer no mercado vivenda para a xente que máis o precisa e inxectar carga de traballo nun sector que hoxe está nunha situación moi complicada. “Pois o autogoberno tamén sirve para isto, á parte de para refrendar a nosa identidade”, concluíu o vicepresidente.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia