Skip to main content

O Ministerio de Cultura depositará no CGAI máis de 50 horas do NO-DO sobre Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou que cos arquivos do NO-DO, a Comunidade recupera “décadas da súa historia recente” vistas desde “o cristal distorsionado e monolítico da ditadura”. O titular do Executivo autonómico e o ministro de Cultura, César Antonio Molina, asinaron un convenio de colaboración polo que a Filmoteca Nacional lle cede ao Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) os fondos do noticiario franquista relacionados con Galicia. Son, en total, máis de 50 horas de filmación que nos próximos meses pasarán “á disposición dos investigadores, estudosos e aos afeccionados en xeral”, recalcou o ministro.

Emilio Pérez Touriño, puxo en valor a sensibilidade do titular de Cultura, pola decisión que lle permite recuperar a Galicia “imaxes de alto valor documental”, que constitúen “un patrimonio histórico” e conteñen “moitas horas de filmación da historia recente da nosa Comunidade”. O máximo mandatario autonómico resaltou que o acordo asinado hoxe entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura constitúe o mellor exemplo do que debe ser a cooperación institucional, máis concretamente, entre o Estado e as administracións autonómicas. Touriño destacou que, en virtude desta cooperación, serán depositadas na filmoteca galega 36 anos de “Galicia vista desde os ollos do franquismo”.
“É a imaxe parcial e deformada da nosa Comunidade, unha caricatura de Galicia ao servizo do sistema de propaganda creado polo franquismo. Pero, ao mesmo tempo, un documento de enorme interese que forma parte da nosa memoria histórica e, a partir de agora, tamén do noso patrimonio”, afirmou o presidente da Xunta.
Lembrou que o NO-DO era unha institución fílmica “de proxección obrigada nas salas cinematográficas realizada en réxime de monopolio polo Estado” que xurdiu curiosamente no momento de “desmobilización e repregamento das estratexias de propaganda da Guerra Civil”. Nese momento, dixo Touriño, “morría un soño totalitario de cuño fascista, pero comezaban corenta duros anos de ditadura baixo o réxime de Franco”.

O xefe do Executivo autonómico apuntou que o NO-DO funcionaba “como un mosaico de noticias en gran parte irrelevantes” pero que actuaba como un instrumento de “distensión, de establecemento de consignas e de afirmación retórica de longo alcance”. Cun discurso, “aparentemente neutro”, abondou Touriño, o NO-DO “falaba entre liñas do reparto de funcións entre ambos os sexos, do papel da arte na creación dunha identidade nacional española, do peso da Igrexa católica, das estratexias sociopolíticas e económicas da ditadura, e de como estas foron evolucionando no tempo”. Para o presidente da Xunta cómpre entender o NO-DO na súa dobre condición de “noticiario que xermina antes da aparición da televisión”, e ao, tempo de “vehículo de propaganda” que ofrece unha particular visión da realidade da posguerra.

O xefe do Goberno galego salientou ademais que as copias dos fondos do NO-DO que se depositarán en Galicia conteñen tamén filmacións de actos sociais, estampas da época e acontecementos históricos de diversa índole localizados ou relacionados con Galicia “realizados moitas veces por importantes nomes do cine español”. Emilio Pérez Touriño resaltou, polo tanto, que o conxunto do material constitúe “un legado de considerables dimensións” que contribúe a enriquecer os fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe e as súas posibilidades de difusión.

Pola súa parte, o ministro de Cultura informou de que os arquivos do NO-Do pertencen ao Instituto da Cinematografía e das Artes Visuais, a través da Filmoteca Nacional, unha institución que conserva un total de 70.000 latas de película que conteñen máis de 1.200 horas de proxección. Segundo explicou, a partir do convenio asinado hoxe, o CGAI disporá “dunha duplicación dixital de cantas noticias se conserven nos nosos arquivos”. Trátase, detallou, de 500 noticias de entre os anos 1943 e 1981, que supoñen 16 horas de filmación; 44 números da revista Imágenes, que supoñen 7 horas e media de filme, e outros 55 documentais de temas galegos, que supoñen un total de 18 horas e media de cinta.

Mostra de Cine Galego na Filmoteca Nacional

Tanto o presidente da Xunta como o ministro de Cultura fixeron fincapé na necesaria colaboración institucional, que ademais da sinatura deste convenio, fai posible a celebración da Mostra de Cine Galego que se abre na Filmoteca Nacional coa proxección de La Casa de la Troya. Para César Antonio Molina, constitúe un triunfo do desenvolvemento da España autonómica a “formación e consolidación de industrias culturais” en lugares onde non existían ou non se coñecían, nun tempo en que só tiñan proxección dos produtos de Madrid e Barcelona. Agora, dixo, gozamos dunha “notable variedade” de creacións audiovisuais, nacidas en autonomías que, como Galicia, producen un cine “con selo propio” e que debe ser dado a coñecer grazas a iniciativas como a Mostra de Cine Galego.

O ministro de Cultura resaltou a importancia de que actualmente en Galicia se rode unha media de 12 longametraxes, máis aínda se se ten en conta que entre 1930 e 1980 non se filmou “ningunha longa de ficción alí”. Así, fronte ao tempo en que Sempre Xonxa era a única aposta nese “páramo”, Molina salientou que hoxe o audiovisual galego atravesa unha etapa “positiva e esperanzadora”. Pola súa banda, o presidente da Xunta coincidiu co ministro en que a España das autonomías permitiu o nacemento dunha “Galicia nova que emerxe con voz propia” que constrúe o seu propio “tecido cultural” no que agromen as ideas e os valores e que faga da Comunidade “un espazo para a comunicación” e o “diálogo permanente entre culturas”.

Unha achega á proxección exterior de Galicia

Nese sentido, Pérez Touriño resaltou a importancia da Mostra de Cine Galego que hoxe se abre en Madrid e que permitirá “bucear” nas primeiras décadas da historia do século XX a través da proxección de La Casa de la Troya, filme que ofrece unha representación do país que”se vai fixar con forza no imaxinario popular”. Explicou que o filme de Manuel Noriega e Alejandro Pérez Lugín constitúe “un dos fitos fundamentais” da recuperación do cine relacionado con Galicia das primeiras décadas do século XX, e que foi restaurada no ano 2003 en virtude dunha colaboración do CGAI coa Filmoteca Nacional e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais. O titular da Xunta informou ademais de que ao abeiro desta Mostra se poderá ver o documental de Carlos Velo Gallego, ademais de Arde amor, a segunda longametraxe de Raúl Veiga, Rafael de Xavier Bermúdez, e o documental de Margarita Ledo Liste, pronunciado Líster. En definitiva, Touriño resaltou que a Mostra de Cine Galego, constitúe “un esforzo por achegarnos á pluralidade” que responde ao interese da Xunta por facer do audiovisual “un instrumento potente de proxección dunha Galicia que aposta por ser aberta, construída en rede e aberta ao mundo desde as súas raíces”.

O ministro de Cultura avanzou que o Consello de Ministros aprobará un decreto de desenvolvemento da Lei do Cine que introduce por primeira vez subvencións de “protección” e impulso ao cine nas linguas cooficiais do Estado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia