Skip to main content

Impulsada a creación dun centro mixto de investigación de excelencia en física

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o secretario de Estado de Investigación e presidente do Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (Ciemat), Carlos Martínez Alonso; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro creación, a partir do Instituto Universitario Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), dun centro mixto de investigación, con titularidade compartida. Os obxectivos deste centro son impulsar a investigación de excelencia no campo da Física de Altas Enerxías, en particular nas súas aplicacións en Física Médica e especialmente no desenvolvemento de instrumentación e técnicas de utilidade clínica así como na súa aplicación ás tecnoloxías de comunicación GRID; e promover o desenvolvemento científico, tecnolóxico, a transferencia de tecnoloxía e a innovación nos campos de actuación do Centro, difundindo a investigación realizada nel e establecendo canles estables de colaboración cos sectores empresariais e tecnolóxicos relacionados.

Neste senso, as administracións públicas asinantes manifestan o seu interese en colaborar no progreso da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no campo das altas enerxías, desenvolvendo proxectos científico-técnicos conxuntos e facilitando a promoción de centros mixtos de titularidade compartida que dispoñan dos recursos necesarios para converterse en centros de referencia nacional e internacional.

O novo centro mixto terá a súa sede en Santiago de Compostela, asumindo a Xunta de Galicia e a USC o compromiso de proporcionar os locais necesarios para a súa ubicación. Neste convenio establécese a colaboración na realización dos trámites previos á creación deste centro mixto de investigación mediante a transformación do IGFAE, un instituto cuxo obxectivo central é a realización de proxectos de investigación básica e aplicada, o desenvolvemento tecnolóxico e o fomento da actividade industrial en tecnoloxías relacionadas coa física de altas enerxías.

Os seus grupos gozan dunha sólida reputación internacional avalada polo elevado e mantido índice de impacto das súas contribucións científicas e o desenvolvemento de diversos proxectos de investigación en colaboración co Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), así como con outros grandes laboratorios internacionais. Neste senso, dentro do CERN o IGFAE participa no experimento LHCb que se está levando a cabo no novo acelerador LHC (Large Hadron Collider), que comezou a funcionar o pasado 10 de setembro.

O IGFAE participa tamén no proxecto de creación do futuro Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, financiado polo programa Consolider-Ingenio 2010 do anterior Ministerio de Educación e Ciencia. Ademais, o Grupo de Astropartículas do IGFAE participa no Laboratorio Internacional Pierre Auger situado en Malargüe, na provincia arxentina de Mendoza, cuxo obxectivo é o estudo dos raios cósmicos de moi alta enerxía e a clarificación da súa composición e orixe. Os ingresos por actividades de I+D do IGFAE do 2005 ao 2007 superaron os 5.550.000 euros.

Internacionalización da ciencia galega

Trala sinatura deste convenio, a conselleira de Educación salientou que o labor científico-tecnolóxico desenvolvido polo Instituto Universitario Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) conta a partir de agora coa colaboración do CIEMAT, o que supón un impulso á excelencia e internacionalización da ciencia que se fai en Galicia. Ao mesmo tempo, Laura Sánchez Piñón indicou que o paso dado hoxe de cara á creación dun centro mixto de investigación de excelencia en física de altas enerxías constitúe “unha proxección para os grupos de investigación que están traballando no IGFAE” e que están a colaborar en proxectos como o Observatorio Pierre Auger e o CERN.

Pola súa banda, o secretario de Estado de Investigación destacou que “a grande revolución da bioloxía molecular, isto é, a enxeñaría xenética ou os grandes avances nos sistemas de detección precoz de enfermidades teñen a súa orixe na física de altas enerxías” e significan a concreción dun “modelo de colaboración da comunidade científica”. “En Europa somos líderes en física de altas enerxías”, subliñou Carlos Martínez. Neste senso, manifestou o seu desexo de que “España se converta na California de Europa”. Ademais, o secretario de Estado de Investigación destacou “o labor científico desenvolvido polo CERN, que proporciona unha extraordinaria achega ao coñecemento científico ao tempo que mellora a sociedade do coñecemento”.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela cualificou o acordo asinado hoxe como “positivo”, subliñando que supón “un paso máis na ciencia que se está desenvolvendo desde o IGFAE”. “O impacto internacional do labor científico require de macroestruturas como a que hoxe se inicia”, destacou Senén Barro, ao tempo que indicou que “moitos dos avances en Medicina están baseados sobre todo no labor dos físicos”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria