Skip to main content

Carmen Gallego espera que a CE manteña en 2009 as posibilidades de pesca actuais para a frota galega

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, participou na xuntanza do Consello Consultivo para Asuntos Comunitarios celebrado en Madrid no que se abordaron, entre outros asuntos, a proposta da Comisión Europea de TACs e Cuotas para o vindeiro ano 2009, que se debatirá no marco do Consello de Ministros da UE en Bruxelas os días 18 e 19 de decembro.

Sobre esta cuestión e unha vez finalizada a reunión, a titular de Pesca
explicou que para Galicia este é o Consello de Ministros de Pesca máis
esperado e importante xa que neste encontro se fixarán as posibilidades de pesca para 2009 para a frota galega, unha frota que está interesada na maioría das especies. Segundo indicou a Conselleira, “para Galicia é moi importante o que se decida sobre a pescada, o peixe sapo, o xurelo, a cigala ou a xarda, e polo tanto estaremos moi pendentes do encontro de Ministros que se celebrará o xoves e o venres”.

Carmen Gallego sinalou ademais que a proposta da Xunta de Galicia,
plantexada hoxe ao Consello Consultivo, fai mención á necesidade de manter as posibilidades de pesca de 2008 para o ano 2009, o que supón incrementar nun 15 por cento os totais admisibles de captura que propón a Unión Europea para o vindeiro exercicio. Por iso, a responsable da
Administración pesqueira galega pediulle á ministra Elena Espinosa que
defenda a postura galega na reunión de mandatarios de Pesca europeos.

Sobre a proposta da Comisión, a Conselleira resaltou que en xeral se trata dun posicionamento á baixa, agás no caso da merluza do sur que inclúe un incremento do 15 por cento. Unha subida que para Carmen Gallego é importante para os intereses dos mariñeiros galegos.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia