Skip to main content

Unha reportaxe sobre a limpeza das costas tralo Prestige, Premio de Xornalismo Científico

O director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, presidiu a entrega na Coruña dos galardóns do VI Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación. A xornalista coruñesa Pilar Mera, redactora do diario La Opinión de A Coruña, foi galardoada co primeiro premio da sexta edición deste certame, organizado anualmente pola Consellaría de Innovación e Industria para distinguir os traballos de xornalismo científico publicados ou emitidos nos medios de comunicación galegos. Pilar Mera conseguiu o galardón pola súa reportaxe “As bacterias non puideron co Prestige” na que aborda o emprego de métodos de biorremediación na limpeza das costas trala catástrofe do Prestige.

Pola súa banda, o equipo do programa de divulgación científica da Radio Galega “Efervesciencia”, composto polos científicos e divulgadores Manuel Vicente e Marta Vila e o actor César Goldi, gañaron o segundo premio pola entrevista realizada ao investigador da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Correa, sobre o seu ámbito de investigación: os nanotubos de carbono.

No primeiro caso, o xurado destacou a calidade xornalística, o rigor científico e a repercusión social do tema obxecto do traballo. No segundo caso, os membros do xurado apuntaron o importante labor de divulgación da ciencia que desempeña o programa “Efervesciencia” e, no caso concreto da entrevista sobre nanotubos, o achegamento dunha materia complexa como a nanotecnoloxía, así como as enormes posibilidades desta ciencia, ao público xeral a través dunha linguaxe sinxela e comprensible .

Por último, o xurado fixo unha mención especial aos traballos presentados polo xornalista Manuel Vilas López: “Nace a primeira falante artificial de galego”, publicado en A Nosa Terra e “O futuro da televisión dende Conxo”, publicado en Tempos Novos, pola súa calidade xornalística e pola súa contribución á divulgación das Novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.

O Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación é un certame organizado pola Consellaría de Innovación e Industria co obxectivo de estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica e na Investigación e no Desenvolvemento. O certame está dotado con 7.300 euros que se reparten do seguinte xeito: 5.000 euros para o primeiro premio e 2.300 euros a repartir entre o equipo galardoado co segundo premio.

Xornalismo e café científico

Tralo acto de entrega celebrouse o café científico "A vida na Terra. Unha historia de evolución, bacterias e sexo", a cargo dos doutores Luis Sampedro, do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán (Pontevedra), e Alberto Velando, da Universidade de Vigo, e do actor Vicente de Souza. Nel abordáronse diversos conceptos da evolución e fitos importantes da historia da vida na Terra e a interrelación entre todos os organismos e o medio no que vivimos. A temática foi seleccionada tendo en conta a conmemoración do Ano Internacional do Planeta Terra en 2008.

O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca na serie de Cafés-teatro-científicos que organiza o Grupo Neurocom da Universidade da Coruña, é a divulgación baixo a luz do coñecemento científico rigoroso e da indispensable apertura de mente que proporcionan o teatro, o bo humor, e o ambiente distendido dunha cafetería.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia