Skip to main content

Preto de 10.000 firmas da construción, inscritas no rexistro de empresas acreditadas

O Rexistro de Empresas Acreditadas (REA) da Comunidade Galega xa conta cun total de 9.921 entidades rexistradas. Cómpre recordar que todas as empresas de construción interesadas en intervir no proceso de contratación no sector da construción deben estar apuntadas neste rexistro dende o pasado 26 de agosto de 2008. Por outro lado, case medio millar de empresas están pendentes de corrixir datos ou enviar documentación para poder recibir a aprobación de inscrición nesta base de datos e en 186 casos resultou denegada a inscrición.

As devanditas denegacións producíronse por non cumprir os requisitos establecidos na Lei 32/2006, como por exemplo non ter maquinaria para levar a cabo a obra; non ter persoal contratado por conta allea para facer as obras ás que se compromete a empresa; non desenvolver, por si ou mediante un servizo de prevención alleo as especialidades preventivas (técnicas e de vixilancia da saúde) esixidas pola normativa de seguridade e saúde laboral; ou non ter aos traballadores formados en prevención de riscos para desenvolver as súas tarefas dentro das obras. Destes motivos, a carencia de medios humanos é o máis frecuente.

As empresas que aínda no fixeron efectivo este trámite e desexen facelo poden consultar a páxina web http//:traballo.xunta.es/rea, onde atopará, ademais da normativa, información e incluso modelos da documentación a presentar.

Este proceso tamén se pode realizar a través da páxina http://rea.mtin.es, onde atoparán guías para levar a cabo cada un dos procedementos, e o número de atención telefónica 012, onde poderán resolver as dúbidas. Coa posta en marcha do rexistro telemático, todas as empresas que operan no sector da construción viron simplificado o proceso de inscrición no REA, así como a obtención dos certificados, que se están a enviar de xeito case inmediato.

A posta en marcha desta base de datos xa estaba prevista no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010, que forma parte dos acordos do Diálogo Social.

O REA persegue a redución da sinistralidade no sector da construción e servirá para acreditar que as empresas cumpren os requisitos de capacidade e de calidade, esixidos pola Lei reguladora da subcontratación no sector da construción. Esta lei, tal como se indicou anteriormente, esixe a todas as empresas do sector, entre outros requisitos, a disposición de medios materiais e humanos suficientes para executar os traballos encargados.

Tamén se esixe formación dos traballadores en materia de seguridade e saúde e unha organización adecuada en materia de prevención de riscos laborais. Ademais, a lei require ás empresas que unha determinada porcentaxe dos traballadores do cadro de persoal estean contratados con carácter estable na empresa.

Os rexistros de todas as Comunidades Autónomas están intercomunicados mediante a súa integración nunha base de datos xestionada polo Ministerio de Traballo e Inmigración. Esta aplicación permite que dende calquera punto do territorio nacional se poida coñecer se unha empresa está inscrita no rexistro correspondente.

A Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción e o Real Decreto 1109/2007, do 24 de agosto, establecen a obriga das empresas que pretendan ser contratadas ou subcontratadas para os traballos nunha obra de construción de estar inscritas no rexistro creado para o efecto. A creación dos Rexistros de Empresas Acreditadas tamén responde a unha das medidas previstas na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2007-2012, aprobado polo Goberno central. Por outra banda, supón dar o último paso para o desenvolvemento completo da Lei de Subcontratación, aprobada xa na pasada lexislatura.

Así pois, en menos de dous anos o sector da construción dotouse dun importante conxunto de instrumentos dirixidos a mellorar a saúde e a seguridade dos traballadores dun sector de especial perigosidade. Este conxunto de actuacións levouse a cabo co consenso das forzas políticas e dos axentes sociais do sector, así como co respaldo das comunidades autónomas, ás que corresponde a xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia