Skip to main content

Inaugurado o Centro de Interpretación das Conservas

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, inaugurou, na A Illa de Arousa, o Centro de Interpretación das Conservas, ubicado nas instalacións da antiga fábrica de Conservas Goday. A remodelación deste edificio foi posible grazas a un convenio de colaboración subscrito entre a Administración pesqueira galega e o Concello da Illa, cuxo Alcalde, José Manuel Vázquez Vázquez, tamén estivo presente no acto celebrado hoxe, así como a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo.

O obxectivo do protocolo foi adaptar as instalacións da fábrica para a realización de actividades museísticas e de divulgación sobre o mar e a pesca, de modo que as actuacións sufragadas por Pesca, que supuxeron un desembolso de 270.972,72 euros, consistiron na rehabilitación do edificio, o revestimento de paredes, a restauración da galería, a colocación dun novo chan e a construción dun lucernario no tellado, obras que se levaron a cabo entre os anos 2007 e 2008.

Cabe lembrar que a Consellería ten entre as súas competencias as relativas á divulgación en materias referidas á pesca, o mar e as actividades marítimo-pesqueiras. De feito, ao longo destes exercicios promoveuse a necesidade de dotar de pequenos centros de difusión aos portos do litoral galego con tradición pesqueira, co obxectivo de dar a coñecer a realidade do mundo do mar, potenciar o coñecemento social do pescador, favorecer as prácticas de pesca responsable e fomentar o consumo dos produtos capturados pola nosa frota artesanal. A intención do departamento autonómico é colaborar e cooperar con aquelas entidades que, como o Concello da Illa, desenvolven accións de divulgación mediante centros permanentes que programen e executen actividades ao longo de todo o ano.

Así, dende finais do ano 2005, investíronse máis 2,3 millóns de euros en actuacións levadas a cabo en diferentes portos galegos. Neste eido podemos situar o Centro de Interpretación das Conservas que nace coa vontade de converterse nun punto de referencia que traslade aos visitantes a importancia do edificio no que se ubica. Non debemos esquecer que a fábrica de Conservas Goday foi pioneira á hora de aplicar en Galicia, na segunda metade do século XIX, a distribución da produción que posteriormente sería común en todas as conserveiras.

Deste xeito, as persoas que se acheguen ata o centro poderán coñecer de primeira man a historia da evolución da industria conserveira no Concello da Illa e en toda Galicia, os diferentes sistemas de produción empregados ao longo dos anos e os cambios sociais que xurdiron ao abeiro desta actividade. De feito, a titular de Pesca sinalou que o edificio da antiga fábrica xunto coa casa familiar dos Goday, o xardín, a primitiva salgadeira e o peirao de pao situado nas proximidades conforman un conxunto representativo sen igual da historia da conserva na nosa comunidade autónoma.

Nesta liña, Gallego indicou que para o seu departamento foi unha honra e unha grande oportunidade poder colaborar nesta actuación coa que se quere achegar á sociedade unha parte esencial da nosa historia como pobo. Ademais, agradeceu ao Concello da Illa a vontade mostrada para conservar o conxunto da antiga fábrica e poñelo en valor.

Outros investimentos na Illa de Arousa

Ademais da axuda destinada á rehabilitación da antiga fábrica de Conservas Goday para convertela no Centro de Interpretación da Conserva, a Consellería de Pesca tamén ten realizado, dende o ano 2005, outras achegas importantes para os profesionais do mar deste municipio. Así, dende o departamento que dirixe Carmen Gallego tense apoiado, con máis de 763.000 euros, a posta en marcha de proxectos colectivos, así como actuacións de rexeneración e a vixilancia dos bancos marisqueiros.

Ademais, tamén se impulsaron actividades como a acuicultura, para a que se destinaron preto de 638.000 euros; a pesca artesanal, con axudas de máis de 600.000 euros; ou a formación marítimo-pesqueira, á que se destinaron preto de 209.000 euros. Estas actuacións xunto con outras axudas supuxeron un investimento global de 3,1 millóns de euros no Concello da Illa de Arousa por parte da Consellería de Pesca nos últimos tres anos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia