Skip to main content

A USC celebra o Ano Internacional da Astronomía cun amplo programa de actividades culturais e académicas

Catrocentos anos despois de que Galileo Galilei apuntase por vez primeira ao ceo cun telescopio, a Unesco acordou declarar 2009 como o Ano Internacional da Astronomía (IYA2009) durante o que se desenvolverán actividades repartidas por todo o globo terráqueo para estimular o interese pola Astronomía e a Ciencia en xeral.

A USC súmase a este conmemoración cun programa de actividades que, segundo os organizadores, pretende “recuperar” o ceo nocturno como elemento fundamental da paisaxe cotiá, “patrimonio inmaterial común da humanidade, fonte de coñecemento científico e de pracer estético”.

As accións conmemorativas da institución compostelá presentáronas en rolda de prensa o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; e os profesores Salvador Bará, Hans Garzón e Josefina Ling como responsables dos programas desenvolver. Ao final da presentación, o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo, interveu por videoconferencia dende a reunión inaugural do Ano Internacional en París, a onde acudiu en calidade de vicepresidente da Comisión de Estrelas Duplas e Múltiples da Unión Astronómica Internacional. Na presentación participaron.

Múltiples actividades

Rutas nocturnas, observacións do ceo, conferencias, cafés científicos, obradoiros de fotografía e astronomía, exposicións e concursos artísticos son algunhas das múltiples actividades que se desenvolverán na USC para conmemorar os catrocentos anos dun feito que desencadeou unha das máis importantes revolucións científicas e de loita pola liberdade de pensamento na historia da humanidade. Ademais, no mes de maio terá lugar unha homenaxe ao astrónomo galego Ramón María Aller, de quen toma o nome o Observatorio Astronómico da USC.

Durante todo o ano quen o desexe poderá participar nas rutas nocturnas ‘Descubre o ceo’ por toda a cidade para, entre outras cuestións, determinar os niveis de contaminación lumínica, e no programa estable de cooperación coas asociacións e entidades veciñais ‘Astronomía na beirarrúa’ de observacións do ceo.

O programa académico contempla un ciclo mensual de conferencias de divulgación ‘A Astronomía que vén’, o café científico ‘Encontros con Carl Sagan’ e o Programa de Extensión Cultural de Astronomía (PECAS), de longa tradición na USC desenvolvido polo seu Observatorio. Celebraranse ademais a partir do mes de marzo obradoiros específicos de fotografía astronómica con CCD, de recoñecemento de meteoritos e outro máis xeral sobre astronomía en Lugo.

Accións culturais

Entre as actividades eminentemente culturais que se organizarán este ano figuran, entre moitas outras, a edición en galego dun calendario de mulleres astrónomas e do cómic As vidas de Galileo, concursos de microrrelatos e relatos curtos e de fotografía astronómica, así como dúas exposicións.

A USC quere contribuír á conmemoración deste ano coa posta en valor do seu patrimonio a través de visitas guiadas ao Observatorio Astronómico e á cidade. Botará a andar tamén ‘Ceos de Compostela’ para promocionalo como recurso turístico -Vía Láctea e Camiño- en colaboración co Concello de Santiago e a exposición ‘Proxección internacional da Astronomía na USC’.

Contaminación lumínica

A contaminación lumínica, constantemente denunciada polos expertos, non será unha cuestión allea á celebración do Ano Internacional na USC. A visión do ceo nocturno dende as cidades e vilas vese gravemente afectada por este fenómeno, que fai que sexan cada vez menos as persoas que poden gozar da visión dun ceo estrelado.

Así, na institución compostelá elaborarase un Libro branco para a protección do ceo escuro como base para unha futura ordenación de usos e características dos sistemas de iluminación pública, útiles, eficaces, sostíbeis, respectuosos co medio e posibilitadores do goce do ceo. Prevese así mesmo a acción ‘Noites sen Luz’, unha proposta de noites puntuais con diminución da intensidade de iluminación en Compostela e Lugo.

Declaración Starlight

Precisamente a diminución dos niveis de contaminación lumínica é un obxectivo de sustentabilidade no que a USC quere estar activamente presente mediante os seus recursos técnicos, persoais e de coñecemento. Con este propósito a Vicerreitoría de Cultura proporá proximamente ao Consello de Goberno universitario a adhesión da USC á iniciativa internacional ‘Starlight’ en defensa da calidade do ceo da noite como ben científico, cultural e ambiental da humanidade.
Gabinete de Comunicación da USC