Skip to main content

Máis de 200 estudantes de Galicia participan na II Liga Galega de Debate

Máis de 240 estudantes de Bacharelato de toda Galicia participarán entre os días 29 de xaneiro e 1 de febreiro, no Multiusos Fontes do Sar (Santiago de Compostela) na Segunda Liga Galega de Debate, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia.

As dúas principais novidades desta liga respecto da edición anterior é o número de equipos participantes, que será o doble que o ano pasado, e mais os temas a debater, que nesta Segunda Liga serán dous (cando o ano pasado foi só un). En total están inscritos 48 equipos, cada un deles composto por catro debatentes e un capitán. Na fase preliminar do torneo os participantes deberán debater sobre “Axuda ao desenvolvemento: ¿o peixe ou a cana?; na fase final da liga o tema obxecto de debate pasará a ser o seguinte: "¿Están as Administracións Públicas afrontando eficazmente o problema do consumo de drogas (legais e ilegais) nos adolescentes?"

O equipo gañador obterá unha viaxe cultural de fin de semana ao País Vasco para 40 alumnos e alumnas do seu centro, así como un ordenador portátil para cada integrante do equipo. O outro equipo finalista obterá unha videoconsola para cada integrante do equipo. Haberá ademais agasallos para o mellor orador, unha cámara fotográfica dixital de 8 megapíxeles, e para o segundo mellor orador, un reprodutor Blue-ray.

A II Liga Galega de Debate, que se desenvolverá nas instalacións do Multiusos Fontes do Sar, ten por obxecto fomentar entre os estudantes galegos os debates de competición, ou o que é o mesmo, enfrontamentos dialécticos nos que dous equipos interveñen defendendo a postura a favor ou en contra dun determinado tema.

Coa posta en marcha destas ligas de debate preténdese facer tomar consciencia aos estudantes da importancia de saber falar en público, ao tempo que quere fomentar o uso do galego entre a xuventude nunha actividade onde se esixe un correcto dominio da expresión oral e do vocabulario. Tamén persegue fomentar entre os mozos e mozas o respecto e a tolerancia como instrumentos de comprensión de ideas discrepantes e facilitar entre eles o desenvolvemento de habilidades como o traballo en equipo, a coordinación e a repartición de roles e tarefas.
Chelo Suárez (Responsable de Comunicación)