Skip to main content

Ferrol presentará con Rochefort e Chatham unha candidatura conxunta a Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, anunciou o acordo unánime de todos os grupos políticos municipais para que Ferrol presente, xunto ás localidades de Rochefort e Chatham, unha candidatura multinacional de cara a conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade. Deste xeito, tal e como informou o primeiro edil logo de presidir esta mañá a Xunta de Voceiros na que se tomou a decisión, a cidade aposta por emprender un camiño común xunto coas localidades de Rochefort, en Francia, e de Chatham, en Gran Bretaña. E así, en base aos múltiples nexos que unen ás tres cidades, a proposta suporá para Ferrol contar con mellores opcións de acadar este prestixioso recoñecemento que concede a Unesco. Un título que permitiría á urbe naval lograr unha proxección máis alá de calquera fronteira, atraendo turismo de calidade e interesado pola cultura dende todos os puntos do planeta.

Asemade, o alcalde lembraba que a proposta de que Ferrol lidere a andaina conxunta destes tres arsenais europeos de cara a converterse en Patrimonio da Humanidade fora recollida xa no seu momento, coa chegada incluso dunha delegación francesa para percorrer as fortificacións militares ferrolás. De maneira que o acordo adoptado na Xunta de Voceiros de hoxe supón, destacou Vicente Irisarri, dar un paso máis neste ambicioso proxecto.

Xa polo miúdo, o primeiro edil explicou que, no caso dos municipios que forman o País de Rochefort -na desembocadura do río Charente, no noroeste de Francia-, se trata dunha rexión cunhas orixes similares ás de Ferrol e que posúe un arsenal militar de parecidas caracteríscas. Nesta liña, cabe sinalar que a desembocadura do río Charente foi elexida en 1666 polo rei Luis XIV e polo ministro Colbert para acoller as modernas e innovadoras instalacións industriais e militares no Atlántico. Unhas instalacións que se mantiveron en funcionamento ata 1927. Mentres, Chatham -ao leste de Londres- é famosa polos seus estaleiros, que abasteceron de barcos á Mariña inglesa dende hai varios séculos.

Por último, o alcalde incidiu na necesidade de traballar con rigor e intensidade neste proxecto fundamental para a cidade.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol