Skip to main content

Entregados en Ferrol os premios do concurso de boas prácticas en convivencia

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e a directora xeral de Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, Rosa Peñalver, entregaron os premios do Concurso Nacional de Boas Prácticas de Convivencia. O acto celebrouse no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Xoán de Filgueira de Ferrol, que acadou o primeiro premio na modalidade A (centros de educación infantil, primaria e especial) destes galardóns. A conselleira e a directora xeral eloxiaron o traballo realizado polos centros premiados, ao tempo que salientaron que son un exemplo a seguir para toda a comunidade educativa. O acto tamén contou coa participación, entre outros, do alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri.

A directora xeral de Cooperación Territorial, Rosa Peñalver, salientou que o CEIP San Xoán de Filgueira, a través da experiencia premiada, ten aprendido “moitísimo sobre diferentes culturas e convertido a biblioteca no corazón do colexio”. Así mesmo, Peñalver fixo referencia á importancia da resolución pacífica dos conflitos, o diálogo e a participación, valores necesarios para “ser cidadáns con maiúsculas”, e que inspiraron a Lei Orgánica de Educación e o contido da materia Educación para a Cidadanía.

Do mesmo xeito, a directora xeral afirmou que os traballos premiados, así como o compromiso dos centros galardoados coa convivencia, “representan un paso fundamental para facer da nosa unha sociedade máis xusta, máis solidaria e mellor”.

Pola súa banda, a conselleira de Educación salientou que “por terceiro ano consecutivo” os traballos dos centros galegos son recoñecidos neste concurso, grazas ao “esforzo e dedicación” da comunidade educativa do CEIP San Xoán de Filgueira, nesta convocatoria de 2008; do Instituto de Educación Secundaria (IES) Carlos Casares de Viana no Bolo, na anterior edición; e do IES As Telleiras de Narón, en 2006.

A titular de Educación avogou polo “consenso, o diálogo, a mediación e a comprensión” no contorno escolar, ao tempo que salientou que “a educación en valores, o respecto por nós mesmos e polos demais e o fomento dun espírito crítico, comprometido e reflexivo deben estar sempre presentes no recinto escolar”. Neste senso, Sánchez Piñón indicou que estes obxectivos requiren da “participación e colaboración de todos os axentes sociais implicados na educación: administracións, centros, profesorado, alumnado, familias, sindicatos, e institucións sociais e culturais.

Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar

A máxima responsable do departamento educativo galego fixo fincapé na necesidade da prevención, así como do reforzo desta “atmosfera de tolerancia e respecto”, para o cal a Administración educativa, “seguindo o exemplo do Ministerio de Educación”, puxo en marcha en 2007 o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar. Ademais, a través deste plan, constituíuse o Observatorio Galego da Convivencia Escolar, no que participan todos os axentes implicados na boa marcha do sistema educativo.

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, amosouse orgulloso e satisfeito de que a cidade de Ferrol acolla a entrega destes premios nacionais, e agradeceu esta decisión ao Ministerio. Así mesmo, o rexedor municipal apostou polo fomento da convivencia desde as primeiras etapas educativas, e neste senso afirmou que o labor que desenvolven as administracións central e autonómica se complementa co traballo das administracións locais. Así, o alcalde citou como exemplo que o Concello ten achegado máis de 600.000 euros á mellora das infraestruturas educativas do municipio.

O Concurso Nacional de Boas Prácticas de Convivencia diríxese aos centros que teñan desenvolto plans e actuacións dirixidas á mellora e desenvolvemento da convivencia, co obxectivo de recoñecer o esforzo realizado e a súa contribución á mellora da calidade da educación. Nesta convocatoria de 2008 resultaron premiados nas distintas modalidades, ademais do CEIP San Xoán de Filgueira, centros educativos das Illas Baleares, Aragón, Estremadura, Castela A Mancha, Madrid, Andalucía, Cataluña e Navarra.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia