Skip to main content

Aprobado o decreto para a creación na ría de Cedeira da segunda reserva mariña

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se crea, en augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira, unha zona de especial interese para a preservación e rexeneración dos recursos mariños pola súa condición de área de reprodución, desova, cría ou engorda de especies pesqueiras ou marisqueiras. Neste eido cabe sinalar que para constatar a evolución desta área protexida e de asegurar o cumprimento dos obxectivos establecidos, crearase un Órgano de Xestión, Seguimento e Control.

Coa posta en marcha desta reserva, a segunda de Galicia, dase continuidade á aposta do Goberno galego por este modelo de xestión, iniciado en 2007 coa Reserva Mariña de Lira e baseado no respecto ao medio ambiente, o desenvolvemento sustentable e o principio de correspondesabilidade sector-administración na explotación dos recursos.

Os fins perseguidos pola Consellería de Pesca e a Confraría de Pescadores de Cedeira coa creación da reserva son conservar e protexer a flora e a fauna mariñas e a súa diversidade; fomentar a sensibilización ambiental sobre o medio mariño; facilitar a rexeneración dos recursos; e impulsar a pesca artesanal e o marisqueo a través de medidas encamiñadas a acadar unhas actividades responsables e sostibles. Ademais, quérese favorecer a realización de estudos científicos sobre as distintas especies, así como medidas de proteción e xestión das pesquerías; divulgar os valores ambientais da costa galega; e posibilitar o desenvolvemento e aplicación de modelos de xestión coa participación dos profesionais do mar.

Esta iniciativa segue a liña dos obxectivos definidos polo Fondo Europeo da Pesca, tanto no que se refire á protección do ambiente e dos recursos naturais, como a promoción do desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida nas poboacións pesqueiras. Deste xeito, a creación da reserva mariña Ría de Cedeira encádrase na filosofía de compatibilizar a proteción das áreas xeográficas co manexo dos recursos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, así como co Código de Conduta para unha pesca responsable da FAO.

Áreas e actividades permitidas

A área de interese pesqueiro da reserva mariña Ría de Cedeira recolle dúas zonas de especial protección (a ZEP I-Vilarrube e a ZEP II-Boca da ría) e a reserva integral de Esteiro (as coordenadas destas áreas poden observarse no arquivo de imaxe que adxuntamos a esta nota).

As actividades permitidas dentro da reserva mariña e por fóra das zonas especiais son a pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente empregados na zona (anzois, nasas e enmalle); a recollida de ourizo, percebe, navalla e longueirón ou outros recursos específicos incluídos no Plan de Xestión Integral que se porá en marcha; o marisqueo a pé e a recolla de algas; e a recolección de mexilla que só se poderá levar a cabo mediante acordo entre as confrarías de pescadores do ámbito da reserva e os concesionarios de bateas ou liñas de cultivo. Así mesmo, será posible facer mostraxes da flora e a fauna mariñas con fins científicos ou de seguimento da reserva; a pesca marítima de recreo en superficie; e o mergullo de lecer nas condicións regulamentariamente establecidas.

Pola súa banda, na reserva integral de Esteiro estarán prohibidas a pesca marítima, a extracción de fauna e flora e as actividades subacuáticas, coa excepción das actividades e toma de mostras autorizadas expresamente con fins científicos ou de seguimento. Ademais, na zona de especial protección (ZEP) I-Vilarrube poderase practicar a pesca con artes de enmalle nas modalidades tradicionalmente empregadas, mentres que na ZEP II-Boca da ría estará permitida a extracción de percebe e o mergullo de lecer. Nestas dúas áreas tamén será posible levar a cabo tomas de mostras con permiso.

As actividades pesqueiras e marisqueiras autorizadas dentro de cada unha das áreas da reserva mariña desenvolveranse no marco dun Plan de Xestión Integral, no que se recollerán as medidas específicas para cada unha delas. Este documento será aprobado pola dirección xeral competente en materia de recursos mariños, tras o informe favorable do Órgano de Xestión, Seguimento e Control, e poderá estar vixente entre seis meses e tres anos. O prazo para dispor deste documento son, como máximo, 18 meses contados dende a entrada en vigor do decreto de creación da reserva.

O Plan de Xestión Integral, que estará orientado a acadar unha explotación racional dos recursos, será elaborado polas entidades asociativas que representan aos profesionais do mar incluídos no censo de titulares con permiso para traballar na reserva e terá que ser presentado cunha anticipación mínima de tres meses ao vencemeto do documento en vigor. Ademais, poderá ser aprobado de oficio pola administración cando non exista ningunha proposta.

Censo específico

A pesca marítima profesional no ámbito da reserva será exercida por embarcacións de arqueo igual ou inferior a 1,5 GT, ben que esta limitación non será aplicada ás embarcacións habilitadas para a captura do percebe, que só poderán adicarse á extracción desta especie, nin ás despachadas con artes de anzol e autorizadas a capturar patexo para o seu emprego como cebo vivo. Aínda así, cabe a posibilidade de permitir a entrada de embarcacións cun arqueo superior temporalmente.

Ademais, para a realización de actividades pesqueiras e marisqueiras profesionais na reserva será preciso estar inscrito nun censo específico de titulares de permisos, mentres que para a pesca marítima de recreo e o mergullo de lecer será necesario dispoñer dos permisos xerais correspondentes. No caso das mostraxes de flora e fauna, haberá que contar cun permiso de acceso previo outorgado pola administración.

O censo para poder realizar actividades pesqueiras e marisqueiras profesionais será elaborado pola consellería competente en materia de pesca nun prazo máximo de 12 meses contados dende a entrada en vigor do decreto polo que se crea a reserva. Para inscribirse nel será precisa a solicitude do interesado, estar en posesión dos permisos que habilitan á persoa ou á embarcación para traballar no ámbito da reserva e ter o porto base en Galicia, no caso dos barcos.

Este rexistro actualizarase dacordo cos criterios de habitualidade na zona, as capturas realizadas na reserva e a concorrencia de causas de exclusión, coincidindo este proceso, preferentemente, coa aprobación do Plan de Xestión Integral. Neste punto cabe indicar que mentres non se acorde a actualización do censo non será posible incluír novos titulares de permisos para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

Por outra banda, serán causas de exclusión do censo, ademais da propia actualización do mesmo, o incumprimento da normativa de uso e xestión da reserva e a negativa á realización das tarefas de control levadas a cabo polo Servizo de Gardacostas de Galicia ou polo persoal de seguimento e control da reserva mariña Ría de Cedeira.

Órgano de xestión

Co fin de constatar a evolución da reserva mariña e de asegurar o cumprimento dos obxectivos establecidos crearase un Órgano de Xestión, Seguimento e Control que estará constituído por oito membros, buscándose unha participación equilibrada entre homes e mulleres. Do número total de integrantes, tres serán en representación da consellería competente en materia de pesca; un, en representación do organismo autonómico encargado das cuestións de medio ambiente; e catro, por parte do sector (tres da Confraría de Pescadores de Cedeira e un designado pola Federación Galega de Confrarías).

Este órgano constituirase nun prazo máximo de seis meses dende a entrada en vigor do decreto de creación da reserva e terá entre as súas funcións a xestión desta área protexida, así como a supervisión e coordinación das actividades do persoal asignado ao seguimento e control dela.

Ademais, o Órgano de Xestión será o encargado de determinar a evolución e estado da reserva en canto ao cumprimento dos seus obxectivos pesqueiros e de conservación de flora e fauna, ao tempo que proporá ou informará as propostas de modificación da normativa reguladora da reserva e das condicións de uso dos espazos para acadar un desenvolvemento sostible da actividade.

Por outra banda, este organismo tamén será o responsable de emitir o correspondente informe para a elaboración e actualización do censo específico de titulares de permisos, propoñer ás autoridades limitacións á navegación e fondeo no ámbito da reserva e informar anualmente da situación desta área, así como de divulgar os seus valores pesqueiros e ambientais, para o que poderá incentivar a realización de actividades de formación ou divulgación.

En canto á vixilancia, o Servizo de Gardacostas elaborará un plan anual no que se terán en conta as medidas específicas de control propostas polo Órgano de Xestión para asegurar o cumprimento dos obxectivos fixados coa creación da reserva mariña Ría de Cedeira.

Outras iniciativas

A creación de reservas mariñas ao longo da costa galega atópase entre as principais actuacións a desenvolver para a Consellería de Pesca e, de feito, o departamento autonómico destina este ano unha partida de máis dun millón de euros a este tipo de proxectos. Así, dende a Administración pesqueira galega estase traballando co sector para poñer en marcha iniciativas similares á aprobada hoxe polo Consello da Xunta na ría de Viveiro, na localidade de Aguiño, en augas exteriores da ría de Cedeira e en Camelle.

Ademais, boa proba da importancia que adquirirán estes espazos nos vindeiros anos á hora de aplicar unha explotación responsable dos recursos é o feito de que a nova Lei de Pesca recolle as figuras das áreas mariñas protexidas, áreas de acondicionamento mariño, áreas de repoboación e as reservas mariñas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia