Skip to main content

O mar, horizonte de fraternidade

Sodes forxadores dunha convivencia exemplar e poucas palabras necesitades para entendervos e vivirdes en amizade e fraternidade no medio do Océano, escríbelles o prelado ós mariñeiros. Lembrando o lema deste ano, O mar únenos e fainos irmáns, D. Xulián Barrio ten verbas agarimosas e de oración para os tripulantes do pesqueiro O Bahía e para todos aqueles que perderon a súa vida faenando no mar, sucesos dos que a nosa comunidade ten presentes na memoria e no corazón.
Seguindo a semellanza co Apóstolo Santiago, que era pescador de profesión cando coñeceu a Xesús, o Arcebispo compostelán recórdalles ós mariñeiros que están chamados ó compromiso apostólico, santificando a súa profesión co traballo cotián ben feito. Quizáis preguntástesvos algunha vez ¿por qué o Señor elixe a algúns apóstolos que eran pescadores? Non por azar, indica D. Xulián Barrio, asegurando: Vós coa vosa faena diaria estades a ennobrecer e santificar unha profesión abnegada e de enorme sacrificio. Os mariñeiros desta bendita terra atravesastes mares e descubristes novos caladoiros: Gran Sol, Terranova, Costa de África… Destes sempre mostras do voso bo facer profesional, deixando a marca das moitas virtudes humanas e cristiás que adornan as vosas persoas.
Por outra banda, o arcebispo invita ós mariñeiros a transmitir ás novas xeracións a devoción á Virxe do Carme, porque ela acompaña con amor e tenrura os intres de tempestade e de medo.
Prensa Arzobispado de Santiago de Compostela