Skip to main content

O Consorcio apoia o documental galego cunha nova edición de Docs Galicia

O Consorcio Audiovisual de Galicia continúa na súa liña de apoiar ao audiovisual galego a través da convocatoria da nova edición do programa de promoción dos documentais galegos, DOCS GALICIA.

Desde a aparición deste programa xa son nove as producións beneficiadas. Nesta nova edición un máximo de catro producións beneficiaranse dos labores de promoción internacional que o Consorcio ven desenvolvendo desde os seus comezos.

Trátase dunha iniciativa pioneira que persegue a axuda á promoción a través dunha achega de 4.500 euros para cada unha das produtoras que integran o catálogo. O Consorcio Audiovisual de Galicia desenvolve esta acción co fin de apoiar a difusión internacional dos documentais galegos.

Promoción e difusión

Así mesmo, neste ano 2009 o Consorcio ten previsto asistir a diferentes mercados nacionais e internacionais especializados no xénero documental, como o Sunny Side of the Docs (La Rochelle) en Francia ou Mercadoc en Málaga, ademais de distribuír o catálogo que se edite nesta 3ª edición nos festivais máis relevantes do xénero e entre os distribuidores contactados en mercados anteriores.

Ademais, o Consorcio contribuirá á difusión internacional da cultura galega distribuíndo o catálogo que se vai editar entre diferentes institucións culturais galegas e do resto do estado, entre as distintas filmotecas, institucións e organismos nacionais e estranxeiros cos que o Consorcio mantén relacións de colaboración.

Catálogo DOCS GALICIA 09

O catálogo que se vai elaborar para esta terceira edición seguirá na liña dos anteriores, xa que se está a converter nun modelo a imitar por outros organismos para a promoción dos seus documentais e xa ten entidade propia entre os catálogos editados polo Consorcio.

É por iso que contará con dous dvds que conterán as obras seleccionadas na súa versión orixinal e coas súas versións subtituladas ao castelán (se o orixinal é en lingua galega), inglés e francés. Así mesmo contará cunha ficha técnico-artística de cada unha das producións e a biofilmografía dos directores en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés; ademais de incluír un press book para cada unha das producións.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia