Skip to main content

Gómez Noya recibe a Copa do Mundo de Triatlón 2008

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, entregou a Javier Gómez Noya o trofeo que lle acredita coma vencedor da Copa do Mundo de Tríatlon 2008. O acto tivo lugar durante a presentación do Campionato de España de Tríatlon que terá lugar en Cangas no mes de setembro, e ao que acudira o deportista galego sen coñecer a sorpresa que estaba preparada para el.

O representante da Federación Española, Felipe Gutiérrez, foi o encargado de dar a sorpresa ao pedirlle á directora xeral para o Deporte que fixera de mestra de cerimonias, ante a ledicia de Gómez Noya, quen non ocultou a súa emoción xa que “posiblemente sexa o trunfo máis importante da miña carreira deportiva”.

Campionato de España. Hoxe tivo lugar o acto de presentación do Campionato de España de Tríatlon elite, sub 23 e grupos de idade, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro na vila de Cangas. Ao acto de presentación asistiron a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; a alcaldesa de Cangas, Clara Millán; o triatleta galego Javier Gómez Noya; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Francisco Villanueva, e o director de competición da Federación Española de Tríatlon, Felipe Gutiérrez.

No acto de presentación o representante da Federación Española destacou o bo facer do tríatlon galego, tanto a nivel deportivo coma organizativo, como se pode ver tanto nos resultados acadados coma nas probas de altísimo nivel que se están a celebrar no noso país. No campionato de España de Tríatlon participarán uns 800 deportistas e desprazará en total a máis de 1.500 persoas, polo que é unha boa oportunidade para dar a coñecer Cangas, O Morrazo e Galicia no exterior. Así o destacou a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quen agradeceu a colaboración do Concello de Cangas e animou aos cangueses e galegos e galegas a formar parte deste grande espectáculo.




Gabinete de Comunicación da Dirección Xeral para o Deporte de la Consellería de Cultura e Deporte de la Xunta de Galicia