Skip to main content

Galicia e Cataluña colaboran coas súas delegacións no exterior

O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Julio Fernández Mato, mantivo en Barcelona unha xuntanza de traballo coa viceconselleira de Asuntos Exteriores da Generalitat de Cataluña, Roser Clavell. No decurso da xuntanza, Fernández Mato e Clavell intercambiaron experiencias relativas ás súas respectivas xestións de Goberno no eido da acción exterior e acordaron establecer liñas de colaboración entre as delegacións galegas e catalanas no exterior.

Mentres a Xunta de Galicia abriu nesta lexislatura oficinas en Buenos Aires e Montevideo, a Generalitat optou por introducirse no espazo europeo coa apertura de oficinas en París, Berlín e Londres, segundo informou a viceconselleira de Asuntos Exteriores da Generalitat a Fernández Mato na reunión. Máis recentemente, o Goberno catalán abriu en Nova York a última das súas oficinas no exterior. Para Fernández Mato, “é importante que ambos os Gobernos poidan beneficiarse da liña de traballo iniciada pola outra parte e complementar a súa acción exterior póndose mutuamente a disposición a rede de delegacións de cada Executivo”.

Neste sentido, Clavell destacou que o Goberno catalán ten previsto tamén abrir unha oficina en Buenos Aires e, por iso, nestes momentos un equipo técnico da Generalitat está de visita na capital arxentina para obter información e asesoramento sobre a experiencia galega ao respecto. A Xunta conta cunha delegación en Buenos Aires desde novembro de 2007 e o equipo do Goberno galego que traballa nesta delegación facilitará información ao Goberno catalán sobre aspectos técnicos relacionados coa personalidade xurídica, o recoñecemento, a contratación de persoal e a xestión, en xeral, da oficina.

Cataluña conta cunha rede de máis de 60 oficinas no exterior que se dedican a diferentes asuntos relacionados co comercio, a cultura, a promoción turística ou a xestión das políticas de cooperación ao desenvolvemento, entre outros asuntos. Segundo explicou Clavell a Fernández Mato, o obxectivo do Goberno catalán é o de integrar estas oficinas no exterior na rede de delegacións que a Generalitat está a poñer en marcha no estranxeiro.

A participación das Comunidades Autónomas nos Asuntos Europeos

Con posterioridade ao encontro mantido coa viceconselleira de Asuntos Exteriores da Generalitat, o secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta asistiu en Barcelona á segunda edición dos seminarios A participación das Comunidades Autónomas nos Asuntos Europeos, organizadas pola Secretaría para a Unión Europea do Goberno catalán.

Nestas xornadas participa tamén o secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia