Skip to main content

Máis de 14.000 escolares galegos participan este ano na campaña Uhmm...peixe!!

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en colaboración cos departamentos autonómicos de Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade, levará a cabo por cuarto ano consecutivo a campaña de promoción de consumo de peixe entre os escolares galegos “Uhmm... peixe!!”, na que o apartado lúdico continúa sendo o grande protagonista. O propósito desta iniciativa é fomentar a presencia de produtos do mar na dieta infantil e tentar aumentar o interese dos máis cativos polos recursos pesqueiros. Para acadar este obxectivo, a Administración pesqueira galega ten deseñado unha serie de medidas destinadas a facilitar o coñecemento e o consumo dos produtos do mar entre a poboación escolar co fin de equilibrar a súa alimentación. O presuposto achegado para levalas a cabo é, este ano, dun total de 196.936 euros.

A titular de Pesca, Carmen Gallego Calvar, xunto coas responsables de Educación, Laura Sánchez Piñón, e de Sanidade, María José Rubio Vidal, presentou no CEIP de Arzúa (A Coruña) as actuacións que está previsto desenvolver no marco desta iniciativa ao longo do ano 2009, en concreto entre os meses de febreiro a maio e de outubro a novembro. Ademais participaron xunto cos escolares deste centro, no xantar a base de peixe que se lles ofrece no marco desta iniciativa.

“Uhmm..... Peixe!!” ten como eixo central unha acción práctica que consiste en que todos os alumnos que acostumen a xantar no comedor escolar disfruten dun menú a base de peixe. Esta comida contempla a instalación previa duns paneis (tres grandes posters) que explican as propiedades do peixe, así como o reparto dun díptico informativo a todos os rapaces ao inicio do xantar. Este ano serán 14.316 estudantes (500 máis que na edición anterior), pertencentes a 80 colexios de toda Galicia (15 da provincia da Coruña, 23 da de Lugo, 26 da de Ourense e 16 da de Pontevedra), os que se beneficien desta iniciativa.

Como novidade, nesta edición, introduciranse nos menús deliciosos peixes frescos que son menos coñecidos entre os consumidores e tamén entre os máis pequenos. Serán presentados no prato de forma atractiva e apetitosa. Para a súa preparación os profesionais dos comedores escolares contarán coa colaboración dun cociñeiro, Alfonso Díaz, e os pratos serán revisados por un nutricionista.

Así mesmo, introdúcese o xogo dos sentidos á hora do xantar. Os nenos e nenas disfrutarán, durante a comida, de centros de mesa con produtos pesqueiros frescos para degustar, preparados de xeitos moi diferentes e, sobre todo, sorprendentes. Desta forma, os rapaces deberán descubrir que é o que están comendo realmente.

Os provedores dos recursos pesqueiros para a realización desta iniciativa son as principais asociacións de armadores de Galicia, produtores e acuicultores, que colaboran no financiamento do produto, contribuíndo de xeito importante ao desenvolvemento e consolidación da campaña. Son ABSA (Armadores de Burela S.A.), Porto de Celeiro, Asociación de Armadores de Marín, Cooperativa do Mar de Ribeira, ARVI (Asociación de Armadores de Vigo), Aroga (Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia) e o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia as entidades colaboradoras con “Uhmm.... Peixe!!”. Pola súa banda, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aboa a parte restante dos gastos derivados da compra do peixe e será a responsable de organizar o traslado aos centros educativos do produto debidamente fileteado e desespiñado, para facilitar o labor dos profesionais do comedor.

A campaña busca vincular o feito de comer peixe a algo divertido, saboroso e, por enriba de todo, saudable, para lograr desenvolver actitudes positivas para o seu consumo. Ademais, e dado que os principias motivos do rexeitamento deste produto por parte dos nenos radica nas espiñas, a textura, o aspecto e o sabor, preténdese que os alumnos descubran novos sabores e texturas de peixe que lles permita achegarse ao pracer de comelo; coñezan o lugar onde se atopan as espiñas nas principais especies que consumen, e saiban manexar os instrumentos e técnicas que permiten separalas, é dicir, a pá e o garfo de peixe.

Actuacións formativas
Así mesmo, dentro da campaña “Uhmm.....Peixe!!” contémplase, coma todos os anos, a realización de Obradoiros de Motivación de Consumo de Peixe en cada un dos colexios participantes, para achegar aos escolares o mundo dos produtos pesqueiros. Nestas clases, de dúas horas de duración, dirixidas a nenos/as entre os 8 e os 10 anos de idade e que se dan despois do xantar e fóra do horario escolar, recibirán material didáctico formado por: un libro de receitas especialmente deseñado para os pequenos/as, “Receitiñas, receitiñas para a miña barriguiña”, un quebracabezas preparado para que os escolares aprendan o uso da pá de peixe e o garfo, un xogo de cubertos e unha unidade didáctica “Uhmm... peixe!!”, que gardará relación co resto de materias do programa escolar.

Os obradoiros, un total de 150 que se realizarán nesta edición, serán impartidos por profesionais da docencia, especialmente preparados para esta acción, que contan coa formación e a experiencia axeitadas.

Ademais, desenvolveranse un total de 66 obradoiros, dunha hora e media de duración, dirixidos aos pais dos alumnos dos centros onde se desenvolve a campaña. O obxectivo é concienciar aos proxenitores da importancia que ten o peixe na dieta para o crecemento e desenvolvemento dos seus fillos. Para estas charlas aplicarase unha metodoloxía activa e participativa, mediante dinámicas grupais, co fin de conseguir a implicación dos pais.

Para facilitar a aceptación desta iniciativa entre os nenos deseñouse unha mascota, que é a estrela da campaña, para facer máis divertidas todas as accións desenvolvidas no marco deste proxecto. A Raspiña é un deseño galego que pretende facer do que menos gusta aos rapaces do peixe o máis divertido.

O peixe como fortaleza da dieta atlántica
A enquisa de hábitos saudables realizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade reflicte que unha das fortalezas da chamada dieta atlántica é o alto consumo de peixes -cun consumo de 151,13 gramos de peixe por persoa e día de media. Xunto aos produtos do mar, tamén se atopa o consumo de verduras e hortalizas, froitas, cereais, lácteos e carnes, como puntos fortes desta dieta.

Deste xeito, todos os expertos en nutrición avogan por manter eses hábitos, para o que é fundamental desenvolver campañas de concienciación dende a propia escola.

Informe “Peixe nas Escolas Galegas”
Segundo se desprende do informe elaborado pola Consellería de Pesca, “Peixe nas Escolas Galegas”, co obxectivo de avaliar o éxito da campaña “Uhmm...peixe!!”, posta en marcha no ano 2006 por este departamento autonómico, lévanse repartidas preto de 28.000 racións de produtos pesqueiros e marisqueiros frescos nuns 70 colexios de toda Galicia. Ademais, este programa desenvolveu obradoiros nos que participaron máis de 5.500 nenos e nenas con idades comprendidas entre os oito e os dez anos.

Para levar a cabo este estudo empregáronse, por unha banda, preto de 900 enquisas sobre o peixe realizadas a alumnos que participaron no programa, así como a escolares que aínda non o fixeron. Tamén se distribuíron arredor de 70 cuestionarios xerais de valoración entre os educadores de colexios nos que xa estivo presente a campaña.

Resultados do estudo
Despois de analizar as enquisas realizadas pódese destacar o éxito da iniciativa posta en marcha pola Administración pesqueira galega atendendo á súa efectividade no cumprimento dos seus obxectivos principais.

Así, os alumnos participantes no programa amosan unha actitude máis positiva cara o peixe e se ben a carne sigue sendo a súa comida favorita, colocan os produtos do mar por diante do polo e da verdura. O 86 por cento deste grupo de rapaces din que lles gusta o peixe moito ou algo e son máis propensos que os escolares non participantes na campaña a dicir que comer produtos do mar é un pouco ou moi doado.

En canto ás espiñas, as máximas responsables do rexeitamento inicial dos cativos cara o peixe, todos os alumnos enquisados pensan que son o peor de comer peixe, pero os nenos dos colexios aos que chegou o proxecto parecen menos intimidados ante elas.

Por outra banda, apréciase unha maior sofisticación e coñecemento do peixe entre os rapaces participantes na campaña en canto aos aspectos que lles gustan deste alimento e non se limitaron a dicir que é un produto san como os non participantes.

Tamén melloraron as actitudes e o consumo de peixe en xeral entre os alumnos e, de feito, os rapaces que xa coñecen a iniciativa dixeron que lles gusta un pouco máis (59 por cento) ou moito máis (33 por cento) despois da campaña, ao tempo que consideran que comer este produto é moito máis doado (61 por cento) ou algo máis doado (32 por cento). Así mesmo, este grupo de nenos dixo que comen máis peixe tanto na casa como no comedor escolar despois de participar no proxecto.

En canto aos educadores, a grande maioría apoia a campaña nos seus obxectivos, desenvolvemento e resultados e consideran que os nenos teñen unha resposta boa ou moi boa ao proxecto, vendo algo mellor a facilidade dos cativos de comer peixe despois de participar na iniciativa.

“Sonche Xan!”
Ademais de “Uhmm...Peixe!!”, a Consellería de Pesca desenvolve outra iniciativa, “Sonche Xan!!!”, que dende a súa posta en marcha no ano 2007, achegou a preto de 25.000 nenos galegos o consumo de peixe como unha costume san, saborosa e divertida.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia