Skip to main content

O Igape aproba avais para o financiamento das empresas por valor de 24,5 millóns

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, destacou, a aprobación, por parte do Instituto Galego de Promoción Económica, de tres avais a empresas por un importe global de 24,5 millóns de euros. Os apoios, segundo expuxo o conselleiro, dirixidos ao refinanciamento de pasivos e circulante, consisten en tres operacións de aval destinadas ás empresas Isidro de la Cal, Indeza e Bernardo Alfageme.

Ademais, Fernández Antonio destacou a posta en marcha, a través do Banco Europeo de Investimentos (BEI), de oito operacións de préstamos por un importe global de 6 millóns de euros que xunto cos avais citados anteriormente, afecta a un conxunto de 1.071 empregos directos.

Así mesmo, o conselleiro subliñou a aprobación da modificación das bases reguladoras da liña de Financiamento de Pemes aprobada en setembro, para incorporar así, os reavais do Igape ante as Sociedades de Garantía Recíproca galegas para as empresas que accedan á liña de circulante e refinanciamento de pasivos.

As medidas dos avais desenvolven o acordo do Consello do Igape do pasado mes de xaneiro de reavalar ás SGR e “facilitar o acceso ao financiamento das empresas galegas; manter o emprego e a actividade económica para que ningunha empresa viable deixe de funcionar por falta de financiamento” explicou o conselleiro. Fernández Antonio ofreceu unha rolda de prensa para dar conta dos temas tratados no Consello de Dirección do Igape.

Préstamos e avais

Fernández Antonio destacou que dende o mes de decembro, a actividade de avais do Igape “se acentuou de forma significativa” e que dende o devandito mes ata o de agora “se concederon avais por importe total de 135 millóns de euros para préstamos de 200 millóns en diferentes sectores entre os que cabe sinalar alimentación, naval, automoción, téxtil e pesca”.

As operacións de apoio aprobadas hoxe polo Consello do Igape están destinadas a empresas con necesidade de acceso a préstamos para o financiamento do seu circulante e o refinanciamento de pasivos. As operacións son, un aval á compañía Isidro de la Cal, por importe de 11,5 millóns de euros para préstamos de 35 millóns. Outro aval destinado á empresa da construción Inversiones e Infraestruturas Atlante (Grupo Indeza), cun importe de 7 millóns de euros para unha reestruturación financeira por importe de 14 millóns de euros. En terceiro lugar, aprobouse unha operación de apoio destinada á empresa Bernardo Alfageme por importe de 6 millóns de euros para un préstamo bancario de 9 millóns de euros destinado a financiar circulante e ao refinanciamento de débedas. Ademais, segundo expuxo o conselleiro, no marco dos préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), aprobáronse 8 préstamos por importe de 6 millóns de euros.

Resultado da liña Pequenas e Medianas empresas

Por outra banda, segundo explicou Fernández Antonio, e co fin de reforzar o acceso das empresas galegas ao financiamento de circulante, refinanciamento de pasivos ou operacións de ampliación de capital orientadas a reforzar a estrutura financeira das empresas, o Consello de Dirección do Igape aprobou a modificación das bases reguladoras da liña de financiamento de pemes para incorporar o reaval do Igape que cubrirá o 25% do risco que asuman as Sociedades de Garantía Recíproca galegas como primeiras avalistas.

Na liña de financiamento de Pemes, Fernández Antonio subliñou que nestas datas “se concederon un total de 491 préstamos por un importe de 67,7 millóns de euros” e que “o importe medio destas operacións de financiamento ás pequenas e medianas empresas e autónomos se eleva a 138.000 €”.

Finalmente, durante a rolda de prensa, Fernández Antonio destacou o papel do Igape na economía galega durante esta lexislatura e de xeito especial no contexto económico actual e explicou que “durante o período 2005-2008, os apoios do Igape a empresas ascenderon a 2.392 millóns de euros, que se multiplicou por tres o apoio financeiro ás empresas con respecto ao período anterior, e que se duplicou o investimento vía capital risco”.
Gabinete de Comunicación do Igape