Skip to main content

Adhesión do Concello de Begonte á Axencia de protección da legalidade urbanística

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar o convenio de adhesión do Concello de Begonte á Axencia de Protección da Legalidade urbanística. Este Convenio foi aprobado pola Xunta de Galicia o 21 de xaneiro pasado, e polo Pleno municipal de Begonte o 13 de marzo.

A Axencia ven establecendo convenios con determinados concellos, para asumir as funcións de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade en materias de ordenación urbanística e protección do medio rural que sexan competencia do municipio. Á súa vez, o concello pasa a ser membro da Axencia.

En virtude deste convenio, a Axencia entenderá nos temas de obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, que se encontren en solo rústico, nos núcleos rurais tradicionais e en solo urbanizable delimitado e non delimitado.

Nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora a obras rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

Para o sostemento da Axencia, o Concello de Begonte aportará o cincuenta por cento do importe das multas impostas pola axencia para a execución das ordes de reposición da legalidade, e das sancións ós responsables de infraccións urbanísticas.

O Concello colaborará coa Axencia para o cumprimento destes fins, facilitando toda a información que precise, aportando o persoal necesario, absténdose de outorgar licenzas que legalicen obras ou usos do solo sobre os que Axencia interveña, e solicitando informe previo á resolución de recursos interpostos contra os actos ditados polo concello no exercizo das competencias que se delegan.
Concello de Begonte