Skip to main content

A estratexia de calidade do aire de Galicia, en Serbia

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible foi seleccionada pola Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas (FIIAPP) como representante de España para participar nun proxecto da Unión Europea en Serbia, ao que tamén optan outros países como Austria, Holanda e Finlandia. A dirección xeral de Calidade Ambiental presentou xa en Serbia a súa proposta, centrada na Estratexia da Calidade do Aire de Galicia, que en caso de ser escollida serviría para aproximar ao goberno serbio á normativa europea en materia de calidade do aire.

O proxecto europeo titulado "Reforzo das capacidades administrativas para a implementación do sistema de xestión de Calidade do Aire" enmárcase na iniciativa Twining da Unión Europea, para axudar aos países en vías de adhesión a fin de aproximalos á regulación comunitaria, e está destinado ao Ministerio de Medio Ambiente e Planificación Territorial da República de Serbia que é o responsable, entre outros aspectos, da implementación da lexislación ambiental no territorio.

O proxecto pretende axudar ao goberno serbio a adoptar lexislación de calidade do aire acorde coa normativa europea, así como ao desenvolvemento de outros regulamentos.

Así, no plano institucional, os traballos que presenten os países que optan a participar nesta iniciativa deben servir para mellorar a capacidade de xestión ambiental tanto na formación dos técnicos ao servizo público como para crear unha dinámica de formación de expertos medioambientais. As actuacións previstas tamén irán encamiñadas á mellora da coordinación interadministrativa, especialmente no eido local e na descentralización de servizos.

Galicia, pioneira en rexistro de emisións

A nivel operativo e de recursos, os traballos incluirán a revisión do inventario de emisións á imaxe do Rexistro Galego de Emisións (REGADE), o estudo de tecnoloxías para recompilación de datos, a mellora enerxética e ambiental das instalacións e a integración dos datos nun rexistro común, así como a dotación da estrutura para dispoñer de medidas e controis fiables das emisións, eido no que Galicia é pioneira en España, sendo a única Comunidade Autónoma española que conta cun rexistro electrónico totalmente automatizado para a declaración de emisións tales como o Rexistro de Compostos Volátiles - COV-, ademais do rexistro europeo (PRTR).

No eido da calidade do aire tense previsto revisar a rede nacional serbia de control da calidade do aire (23 estacións da rede nacional, 22 estación de institutos de saúde pública e outras secundarias), traballos que serán coordinados pola SEPA (Axencia de Protección Ambiental Serbia) en colaboración coa Rede de Observación e Información Ambiental Europea EIONET.

No que respecta ao territorio, os traballos inclúen actuacións para diferentes rexións do país, incluíndo Belgrado como centro mais importante, con 1,5 millóns de habitantes, pero tamén en outras 27 cidades.

Os traballos céntranse en 4 obxectivos estratéxicos definidos pola UE:

 desenvolver lexislación de calidade do aire ambiente e mellorar a lexislación existente e a coordinación administrativa seguindo os principios comunitarios,
 mellorar a capacidade institucional e a cooperación entre os corpos e organismos do estado e das axencias locais

 mellorar a infraestrutura, instrumentación e en xeral a rede de calidado do aire incluíndo sistemas avanzados de medida, rexistro, transmisión de datos en tempo real e interpretación e análise dos datos de xeito similar á rede galega (Calidade do aire de Galicia)
 zonificación e planificación da calidade do aire

Estes traballos van permitir á República de Serbia acadar un alto nivel de cumprimento das Directivas Europeas e a Galicia, iniciar unha labor de cooperación internacional, así como completar a formación internacional dos seus servidores públicos no eido da calidade do aire na que posúe unha posición preponderante en España e unha posición destacada en Europa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia