Skip to main content

Bata por fuera, Afranio, El club de los sin techo e Malta radio, documentais seleccionados para Docs Galicia 09

O 4 de febreiro comezaba o seu camiño a terceira edición do programa de promoción dos documentais galegos, Docs Galicia, coa publicación da súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e o 23 de marzo reuniuse a comisión de selección que, logo de avaliar todas as obras documentais inscritas, decidiu os documentais que van formar parte do catálogo Docs Galicia 09.

Na reunión, os membros da comisión destacaron a elevada calidade de realización dos traballos presentados, salientando o gran talento que hai neste xénero en Galicia. A elección baseouse nos criterios das bases da convocatoria do programa, ademais de ter en conta o obxectivo de distribuír o catálogo en diferentes festivais e a súa venda a canles de televisión a nivel internacional.

Nesta ocasión, presentouse un número de documentais similar a anos anteriores e foron elixidos:

• Bata por fuera (mujer por dentro) (Laturmadocus)
• Afranio (Alén Films)
• El club de los sin techo (Laturmadocus)
• Malta Radio (235 PC)

A comisión de selección

A comisión estivo conformada por tres expertos do sector, Elena Mera Dios, actualmente responsable de vendas de Plural Entertainment e cuxa traxectoria profesional no ámbito da distribución vai para 12 anos, traballando o xénero documental en distintas empresas os últimos sete. Así mesmo, ten participado como conferenciante experta en distintas xornadas informativas do eido audiovisual en Galicia, Andalucía e Madrid e compaxina o seu labor de distribución co de docente na Escuela TAI de Madrid impartindo un dos módulos do Curso de Cine e Documental; Diego Más Trelles, cuxa vinculación co audiovisual abrangue a produción e a dirección, a presentación de programas de televisión como Documenta2, ademais de ser membro do European Documentary Network e colaborar con distintos festivais de documentais e ser ex-presidente de Docu Madrid; e finalmente, Jaime Pena, programador do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), membro do comité de redacción de Cahiers du Cinéma-España e colaborador en festivais de cine como o de Xixón, As Palmas, Bafici (Arxentina) e Locarno (Suíza).

Tanto Elena Mera como Diego Más Trelles repetiron a súa colaboración co Consorcio como membros da comisión do Programa Docs Galicia e Jaime Pena reincorporouse a comisión da que xa fora membro en Docs Galicia 06.

Os documentais seleccionados

O Consorcio con esta selección pretende abranguer as distintas “fiestras” do mercado audiovisual. Os documentais seleccionados abranguen diferentes temáticas: social, etnográfica e histórica. Tamén teñen diferentes duracións, Bata por fuera (mujer por dentro) é unha curtametraxe documental, e as outras obras teñen unha duración entre 55 e 85 min. Este ano a convocatoria restrinxiu a duración dos documentais participantes a un máximo de 90 min. para así adecuarse mellor aos estándares solicitados polos festivais e as canles de televisión.

El club de los sin techo é un documental de Laturmadocus dirixido por Claudia Brenlla que mostra o movemento dos sen teito de Salvador de Bahía.

Afranio, de Alén Films e dirixida por Víctor Coyote, reconstrúe a fuxida do deputado republicano Alonso Ríos a Portugal nos días seguintes ao golpe do estado de 1936.

Malta Radio, dirixido por Manuel Menchón, de 235 Producciones Cinematográficas, mostra o periplo dos tripulantes do barco “Francisco e Catarina”, que recolleu preto da costa de Malta aos inmigrantes dunha pateira á deriva.

Bata por fuera (mujer por dentro) tamén dirixido por Claudia Brenlla, é unha curtametraxe documental sobre a bata, unha vestimenta empregada por mulleres de todo o mundo.

O catálogo Docs Galicia

Para levar a cabo a difusión do programa no resto do Estado e internacionalmente elaborarase un catálogo que conterá dous DVDs que presentarán as obras en versión orixinal con subtítulos en castelán, inglés e francés, así como un press-book dos documentais incluídos. Ademais dos DVDs tamén se achegará unha ficha individual para cada documental que incluirá ficha técnica, sinopse e biofilmografía do director en galego, castelán, inglés e francés.

Nesta edición o Consorcio volverá a conceder ás produtoras dos documentais seleccionados a axuda para a promoción e difusión en mercados e festivais nacionais e internacionais dos seus documentais, cun importe máximo de 4.500 euros. Esta axuda comezou a concederse na convocatoria anterior.

Ao igual que nas anteriores edicións de Docs Galicia, esta terceira difundirase nos festivais de documentais máis importantes do resto de Estado e tamén nos internacionais (Europa e América fundamentalmente). Así mesmo, e atendendo a vertente cultural deste programa, o catálogo se fará chegar aos medios de comunicación e institucións culturais (centros educativos, institucións e organismos galegos, filmotecas e institucións estatais con sede no Estado español e internacionalmente) ademais de atender todas as peticións que do mesmo se reciban.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia