Skip to main content

Descenden un 3,5% os estudantes galegos que abandona os estudos logo do ensino obrigatorio

O número de alumnos e alumnas que abandonan o sistema educativo tras a etapa escolar obrigatoria descendeu un 3,5% na Comunidade galega, segundo os últimos datos do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, correspondentes ao ano 2007, situando a Galicia como a 4ª Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de abandono educativo temperán.

Así, as estatísticas do Ministerio de Educación indican que en 2007 a poboación de 18 a 24 anos que non tiña completado o nivel de educación secundaria 2ª etapa (educación postobrigatoria) e non seguía ningún tipo de educación ou formación era do 22,1%, fronte ao 25,6% do ano 2006, no que Galicia ocupaba o 7º lugar neste indicador. Deste xeito, a Comunidade galega foi a que experimentou un maior descenso do abandono temperá neste período.

Galicia rexistra pois un índice de abandono inferior ao da media española, que foi en 2007 do 31%, incrementándose así con respecto ao ano 2006, no que os alumnos e alumnas que abandonaron o sistema educativo despois da educación obrigatoria en España foi do 29,9%.

Accións encamiñadas á mellora do éxito escolar
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén desenvolvendo desde 2005 distintas medidas que perseguen a mellora dos índices de éxito escolar entre o alumnado galego. Deste xeito, o programa PROA, no que participan na actualidade uns 9.500 estudantes de 157 centros, ten como obxectivo incidir na mellora da aprendizaxe, elevar a motivación do alumnado, e dar reforzo fóra do horario escolar, así como aumentar a implicación das familias no proceso de ensino.

Do mesmo xeito, este ano académico púxose en marcha o programa de éxito escolar en centros, dirixido ao alumnado de 3º de primaria e 1º e 2º de ESO, en 87 centros de ensino galegos, en virtude dun convenio asinado co Ministerio de Educación, Política Social e Deporte. Como complemento a esta acción, a Administración educativa galega realiza, en colaboración cos concellos, actividades de fomento do éxito escolar e de prevención do absentismo e o abandono escolar temperán fóra do horario escolar, no marco do Programa de apertura de centros fóra do horario lectivo, que na actualidade se desenvolve en preto de 600 centros de infantil, primaria e ESO de 168 concellos.

Fomento da Formación Profesional

Por outra banda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aposta pola promoción da Formación Profesional, como vía para aumentar a porcentaxe de alumnado que cursa formación postobrigatoria. Para este fin, a Administración educativa galega realiza distintas accións no marco do II Plan Galego de Formación Profesional que xa están a dar os seus froitos. Así, este curso 2008-2009 o número de alumnos de novo ingreso en ciclos formativos incrementouse en case o 3%, sendo este incremento do 3,94% nos ciclos formativos de grao medio.

Entre os programas que desenvolve a Administración educativa destacan as Medidas de orientación, reforzo e apoio (MORA), destinadas ao alumnado que ten dificultades para seguir con normalidade a educación secundaria obrigatoria. Así mesmo, este curso puxéronse en marcha os novos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), que substitúen aos Programas de Garantía Social, e que se dirixen a aquel alumnado que non teña rematada a Educación Secundaria Obrigatoria, de xeito que poida cursar uns estudos e obter un certificado profesional ou ben completar a ESO. O número de programas iniciados son 183, cun total de 2.005 matriculados.

Outras das vías para reducir o abandono temperán son o incremento da oferta de ciclos formativos de oferta modular, así como a educación secundaria para as persoas adultas, nas modalidades presencial e a distancia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia