Skip to main content

Empregadas de fogar

Ao tempo o Departamento da Muller da U.S.T.G. valora negativamente as condicións que impón a Orde da Xunta para acceder a estas axudas, que na práctica impiden a conciliación da vida familiar e laboral e a dignificación dun tipo de emprego, principalmente feminino.
Así non ten sentido que o empregado/a soio poida traballar para un único empregador/a, cun contrato indefinido e unha xornada mínima de 4 horas diarias ou 20 horas semanais. É dicir, que cun salario de 245,40 €/brutos (o que fixa a normativa) se supón que se pode vivir dignamente e non fai falla ter ningún outro emprego.
Tampouco é razoable a imposición de que os membros da unidade familiar teñan que realizar unha actividade laboral remunerada. Volvemos ao de sempre, a conciliación da vida laboral e familiar é para quen cotiza, pois como case sempre é a muller a que non ten un emprego tense que quedar ó coidado das crianzas e dos maiores.
Outro punto contradictorio é o termo de dependente, enlazado coa necesidade dunha porcentaxe de minusvalía. Onde está a protección dos nosos maiores? A dependencia non se pode asimilar á enfermidade.
Nen ten senso o impor a duración indefinida do contrato cando a duración das axudas é unicamente por dous anos e nunha cuantía insuficiente.
Para que este sector deixe de ser a actividade marxinal e mergullada das mulleres, precisa dunha mellora na súa regulamentación laboral e de seguridade social. Pois, mentres que as condicións sexan as que son; salarios de miseria, non ter dereito a unha prestación por desemprego, cobra-la baixa se está enferma a partir de 29º día, a maioría das empregadas/os de fogar non lles interesará legalizar a súa situación.
Para o Departamento da Muller da U.S.T.G., conciliar a vida laboral e familiar de xeito que as familias non sustitúan a responsabilidade dos servicios sociais dependentes da administración e para profesionalizar este sector facendoó emerxer, precisa dunhas axudas ou subvencións que verdadeiramente permitan cumprir estas finalidades.
Departamento da Muller de USTG