Skip to main content

A Xunta suspende a entrada en vigor da Lei de Pesca para consensuar un novo texto co sector

O Consello da Xunta aprobou a modificación da Lei de pesca de Galicia para aprazar a súa entrada en vigor, prevista para o 16 de xuño, e anular os seus efectos derrogatorios sobre outras normas anteriores.

Esta decisión do Goberno galego supón o cumprimento do compromiso electoral de retirar a Lei nos primeiros 100 días de Goberno co obxectivo de consensuar co sector unha nova norma que atenda as súas principais reclamacións.

Tras esta decisión, conservan a súa vixencia a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia; a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia; a Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia; a Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia; e a Lei 8/2004, do 30 de xullo, de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo- pesqueira.

A modificación aprobada polo Consello da Xunta permite á Consellería do Mar iniciar o proceso de elaboración dun novo anteproxecto contando coas achegas do sector.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia