Skip to main content

Adega esixe máis esforzo na investigación dos lumes

Os medios destinados á investigación dos incendios forestais e á persecución dos incendiarios en Galiza son moi insuficientes. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) esixe unha intensificación da investigación dos lumes para que o esforzo nesta materia estea á altura da gravidade e extensión do problema. A xuízo de ADEGA, cómpre reforzar os medios destinados á investigación dos lumes e crear fiscalías de medio ambiente en todas as audiencias provinciais.
Para ADEGA, é escandaloso que Galiza, segundo un estudo comparativo efectuado por WWF/Adena, estea entre as comunidades autónomas españolas que suspenden en materia de investigación dos lumes, considerando a análise que a determinación de causas dos lumes é aínda moi deficitaria en Galicia, aínda que se observa unha leve mellora nos últimos anos.
A pesar de que o noso país rexistra a metade dos incendios do territorio español e o noso índice de incendios por hectáreas forestais (54,73 lumes/10.000 has) é once veces superior á media do resto de comunidades autónomas, e a pesar de tantas palabras, os medios destinados polas Administracións central e galega á investigación dos lumes, e das agresións ambientais en xeral, son máis ben propios dun país onde os incendios forestais son un problema de segunda orde. Ademais de apelar á colaboración cidadá, as Administracións deberían multiplicar o seu esforzo na investigación forestal e policial dos lumes e na persecución dos incendiarios.

Unha das medidas máis necesarias para ADEGA é a creación de Seccións de Medio Ambiente, ben estruturadas e dotadas, nas Fiscalías das Audiencias Provinciais, como xa existen nalgunhas provincias españolas. Esta medida é absolutamente necesaria para que a protección xurídica do medio ambiente que proporciona o Código Penal sexa efectiva e diminúa o alto grao de impunidade dos delitos ecolóxicos en xeral.
Tamén é prioritaria a intensificación da investigación policial para aumentar sustancialmente o éxito na identificación e detención de incendiarios. Neste senso, é urxente reforzar os efectivos do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil e os da policía autonómica destinados á investigación dos lumes e á protección do medio ambiente.
Adega